O BNG en Monterroso organizou un encontro co sector agro-gandeiro para amosar as súas propostas para o medio rural
Interviñeron o candidato do BNG á alcaldía, Brais Vázquez, e a deputada por Lugo do BNG no Parlamento galego, Carme Aira
Brais Vázquez “temos que poñer en marcha medidas de apoio ao noso rural, é un dos nosos bastións económicos”
Monterroso, 11 de abril de 2023.- O Bloque Nacionalista Galego en Monterroso organizou un encontro xunto co sector agro-gandeiro para amosar as alternativas e propostas que levará a cabo o programa electoral da organización nas vindeiras eleccións municipais.
O candidato do BNG á alcaldía de Monterroso, Brais Vázquez, e a deputada do BNG por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira, interviñeron e amosaron as propostas e o traballo do BNG neste eido.
Brais Vázquez salientou “desde o BNG temos que poñer en marcha medidas de apoio ao noso rural, é un dos nosos bastións económicos, por isto imos aplicar cinco medidas para fortalecelo: recollida municipal de residuos, bonificación fiscal en diferentes taxas, impulso dun técnico municipal que asesore ás produtoras e produtores, a creación dun banco de terras municipal ou abrir liñas de axuda para dar saída á produción local”
Neste senso, o candidato do BNG á alcaldía destacou que o proxecto do BNG para Monterroso recolle varias propostas para impulsar este sector “temos plena confianza no potencial deste concello en canto a actividade agro-gandeira e temos que seguir apostando para que, a partir del, construamos un modelo económico sostíbel e que poña a Monterroso como unha referencia na xestión territorial como da produción alimentaria”