BRAIS VÁZQUEZ: "LEVAMOS MESES ADVERTINDO DE QUE A XESTIÓN ECONÓMICA DO CONCELLO NON É A ADECUADA E NO ÚLTIMO PLENO CONSTATOUSE, UNHA VEZ MÁIS, ESA IMPROVISACIÓN NO GASTO"
O BNG de Monterroso ven de remitir ó Consello de Contas un escrito denunciando irregularidades na xestión económica do Concello
Brais Vázquez: "Levamos meses advertindo de que a xestión económica do Concello non é a adecuada e no último pleno constatouse, unha vez máis, esa improvisación no gasto"
Monterroso, 12 de setembro de 2025.- O BNG de Monterroso vén de presentar unha denuncia formal ante o Consello de Contas de Galicia na que se poñen de manifesto graves irregularidades detectadas na liquidación das contas municipais tanto do ano 2023 como do 2024.
Segundo explica o concelleiro nacionalista Brais Vázquez, a decisión foi adoptada tras constatar a reiteración de prácticas contrarias á legalidade e os múltiples reparos recollidos pola intervención municipal ata o día de hoxe. "Levamos meses advertindo de que a xestión económica do Concello non é a adecuada e no último pleno constatouse, unha vez máis, esa improvisación no gasto".
Ademais, tamén explica que os informes das contas "falan da existencia de contratos menores que superan os límites legais e de prestacións de servizos sen contrato en vigor", denunciou Vázquez. "Todo isto reflicte unha situación de descontrol e opacidade que non podemos tolerar nin como representantes públicos nin como veciñanza".
O documento, acompañado de copia dos informes da intervención e das alegacións presentadas polo BNG nas Comisións de Contas, xa foi remitido ao Consello de Contas de Galicia. "Demandamos que se abra unha investigación, que se auditen as contas do Concello xa que parece que somos incapaces de facelo dende aquí e que se valore as actuacións e as responsabilidades de cada un. A veciñanza de Monterroso merece unha xestión transparente e rigorosa", concluíu o concelleiro