O BNG en Outeiro de Rei convoca unha concentración para reclamar pasos de peóns na N-VI
Celebrarase este sábado, 2 de xullo, ás 11:00 na estrada N-VI diante do Soborvila
Elvira Lombao, concelleira do BNG en Outeiro de Rei “é un caso único en todo o tramo de N-VI entre Coruña e Madrid
Outeiro de Rei, 01 de xullo 2022.- O Bloque Nacionalista Galego en Outeiro de Rei convoca á veciñanza a unha concentración este sábado, 2 de xullo, ás 11 horas diante do Soborvila para reclamar a instalación de pasos de peóns e melloras na seguridade viaria para o peón na N-VI ao paso polo centro urbano.
O BNG leva loitando, dende vai varios anos, pola instalación de diversos pasos de peóns coa celebración deste acto reivindicativo. Desta vez, as nacionalistas destacan a importancia da colocación de diversos pasos seguros no tramo onde existen catro carrís para a circulación de vehículos.
Elvira Lombao, concelleira do BNG en Outeiro de Rei, declarou “é un caso único en todo o tramo de N-VI entre Coruña e Madrid, pois non existe ningunha vila onde non haxa absolutamente ningún paso para poder cruzala dun lado ao outro”
A concelleira do BNG destacou a proposta da organización ante este problema “pode colocarse dende un paso de peóns, semáforos, unha rotonda, un paso elevado, hai centos de solucións posibles; en todo caso serán os técnicos do Ministerio quen dirán cal é a mellor solución, pero algo hai que facer”
Neste senso, Elvira Lombao sinalou que o BNG ten presentado diversas iniciativas “este feito témolo trasladado ao pleno municipal, ao Parlamento galego, mais esta semana Néstor Rego requeriu no Congreso ao Ministerio de Transporte a instalación desta demanda”