O Grupo Municipal do BNG reúnese para avaliar o traballo realizado no Goberno de Lugo nos primeiros tres anos de mandato
Rubén Arroxo: "continuamos a traballar nas liñas de traballo que puxemos en marcha nos últimos anos, a mellora da seguridade viaria e a humanización da cidade"
“Neste mandato iniciamos a transformación que Lugo levaba moitos anos agardando”, afirmou Rubén Arroxo
Lugo, 02 de xullo de 2022. O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo vén de manter unha xuntanza para avaliar o traballo realizado nas áreas de goberno nas que teñen responsabilidade durante os primeiros tres anos de mandato, e traballar na planificación dos últimos meses. O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que “neste mandato conseguimos iniciar a transformación que Lugo levaba agardando moitos anos”, e engadiu “nos vindeiros meses continuaremos a traballar nestes proxectos, continuando a avanzar na mellora da seguridade viaria e na humanización de Lugo”.
A área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida polo Tenente Alcalde e con Alexandre Penas ao cargo da concellería de Infraestruturas Urbanas realizou nos últimos anos unha serie de intervencións importantes para a cidade, como a peonalización da Mosqueira, de Quiroga Ballesteros ou de Recatelo. “Os traballos no centro da cidade complementáronse coa atención aos barrios, o lugar onde vive a maior parte das veciñas e veciños de Lugo”, explicou Rubén Arroxo en referencia ás actuacións executadas nas zonas periurbanas, como Castelo, e en barrios como As Gándaras ou Fingoi.
A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, da que é responsábel Maite Ferreiro achegou a Lugo unha programación cultural de calidade, continuando con actividades culturais continuadas durante todo o ano e dando peso a todo o tecido cultural e asociativo de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que "traballamos e traballaremos para achegar a Lugo propostas culturais de calidade demostrada con premios a nivel galego, estatal e internacional".
No tocante á concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, dirixida por Felipe Rivas, puxo en marcha un plan piloto de vieiros escolares seguros no colexio de Albeiros, “aproveitando as actuacións de calmado de tráfico executadas desde a área de Mobilidade, creando itinerarios seguros para que as nenas e nenos poidan asistir ao colexio de maneira segura”, afirmou Arroxo.
A área de Participación e Servizos para a Veciñanza, dirixida por Cristina López, completou nestes anos a renovación da praza de Abastos e nestes anos aumentou a cantidade de actividades que acollen tanto a Praza como o Mercado Municipal, "dous espazos históricos da cidade que contan xa cun entorno completamente renovado", lembrou Rubén Arroxo.