ELVIRA LOMBAO: "NON É SÓ QUE SE SUBAN AS TAXAS, É QUE NON TEMOS UNS SERVIZOS ADECUADOS, A TURBIDEZ DA AUGA E INCLUSO A OCULTACIÓN DE ANALÍTICAS QUE DIN QUE NON É APTA PARA O CONSUMO HUMANO DEIXAN VER QUE O ÚNICO FIN DO SR. ALCALDE É RECADATORIO"

O BNG de Outeiro de Rei rexeita a suba dun 30% das taxas de lixo e auga nun concello con servizos moi deficientes

Elvira Lombao: "Non é só que se suban as taxas, é que non temos uns servizos adecuados, a turbidez da auga e incluso a ocultación de analíticas que din que non é apta para o consumo humano deixan ver que o único fin do Sr. Alcalde é recadatorio"
 
O BNG de Outeiro de Rei rexeita a suba dun 30% das taxas de lixo e auga nun concello con servizos moi deficientes

 


Outeiro de Rei, 31 de xullo de 2025.O BNG de Outeiro de Rei vén de manifestar o seu rexeitamento absoluto á suba das taxas de auga e lixo aprobada polo goberno local nun pleno extraordinario celebrado a finais de xullo, nunha estratexia clara para evitar o debate público e a participación veciñal. A modificación das ordenanzas fiscais supón un incremento dun 30%, malia que os servizos prestados non cumpren cos mínimos de calidade esixibles.

No referente á subministración de auga, a formación nacionalista lembra que a veciñanza leva anos sufrindo episodios recorrentes de turbidez na auga cando chove, o que obriga moitas familias a recorrer á auga embotellada. Ademais, denuncian que este é un dos concellos cos prezos máis elevados da comarca, tanto nas tarifas ordinarias como nos custos abusivos de enganche, moi por riba da media doutros municipios.

O BNG advirte tamén da falta de garantías sanitarias no servizo de abastecemento. Segundo consta na analítica obrigatoria realizada polo SINAC (Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo) en maio de 2025, a auga foi declarada "non apta para o consumo humano" debido a un índice elevado de trihalometanos, uns compostos químicos volátiles considerados carcinóxenos pola Organización Mundial da Saúde.

En canto á recollida do lixo, a formación critica o estado lamentable dos contedores, moitos deles rotos, sen tapas e sen mantemento, sen que o goberno local presente ningún plan de reposición ou mellora.

A concelleira nacionalista Elvira Lombao denunciou con contundencia esta situación:

"É unha auténtica tomadura de pelo pretender que a veciñanza pague un 30% máis por servizos que non funcionan como deberan. A auga sae turbia, temos épocas nas que non é apta para consumo humano e algo do que non se avisa á poboación e aínda por riba fan esta suba en pleno mes de xullo, nun pleno extraordinario, para que pase desapercibida. É unha decisión opaca, inxusta e recadatoria".

O BNG de Outeiro de Rei rexeita a suba dun 30% das taxas de lixo e auga nun concello con servizos moi deficientes