MAITE FERREIRO: "O SAN FROILÁN MIÚDO CONTARÁ CON 8 ESPECTÁCULOS NA CARPA DO SEMINARIO, ADEMAIS DE XOGOS TRADICIONAIS, 4 ESPECTÁCULOS ITINERANTES E OUTRAS ACTUACIÓNS DE RÚA"
Maite Ferreiro preside unha nova xuntanza da Comisión de Festas
A concelleira de Cultura presentou aos grupos políticos os avances realizados na organización das festas de outubro
Maite Ferreiro: "O San Froilán Miúdo contará con 8 espectáculos na carpa do Seminario, ademais de xogos tradicionais, 4 espectáculos itinerantes e outras actuacións de rúa"
"Seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego", afirmou a concelleira
Ferreiro: "Un ano máis o PP amosa que está en contra do San Froilán"
Lugo, 29 de xullo de 2025. A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Comisión de Festas, na que presentou aos grupos os avances referentes á organización do San Froilán deste outubro. Ferreiro adiantou que "o San Froilán Miúdo contará este ano cunha completa programación para toda a familia, con actividades de rúa e na carpa do Seminario, achegando a Lugo os mellores espectáculos do panorama galego, estatal e internacional".
A carpa do San Froilán Miúdo, que se instalará no aparcadoiro do Seminario, contará con espectáculos como "Pocket Loop" da Compañía StopStoi, "Tranvía Nº12" de la Finestra, "Crunch 2" de Muu, "Humanus Comicus" de Mondo Costrini, "Gran Sonata" de Le Pluant, "De Vilatriste a Vilalegre" de Teatro ao cubo, "Historias para escagarriñarse" de Teatro Ghazafelhos, ou o tradicional "Festival Infantil de Cántigas e frores". Todos os días ás 18.30h terá lugar unha actuación na carpa, mentres que os días 5, 6, 11 e 12 de outubro, os nenos e nenas poderán gozar de xogos de 11.30h a 14h e de 16h a 18h.
O ambiente festivo expandirase polas rúas do Recinto Histórico grazas aos espectáculos itinerantes: "Pilots" de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa), "Circo Krasnovorak" de Troula, "Rum rum" e "Transhumancia", ambos de Xip xap teatre. Outras actuacións de rúa, pensadas para o público familiar, animarán as tardes da semana durante as festas, ampliando así o abano de propostas lúdicas.
"Seguimos traballando para que o San Froilán deste ano volva ser a gran festa do outono galego, cunha programación diversa e de calidade, pensada para todas as idades e que contribúe a potenciar a cultura e o lecer en Galiza", afirmou Maite Ferreiro.
Comisión de festas
A concelleira de Cultura afirmou que o PP "está en contra do San Froilán". Ferreiro afirmou que o Partido Popular "leva anos deixando a comisión de festas buscando escusas, mais nunca os vemos presentar propostas nin colaborar para que o San Froilán sexa a festa de todas e todos os lucenses". Ferreiro afirmou que "o PP non se limita só a non facer propostas, acompañan este abandono facendo unha campaña pública negativa en contra das festas e cun apoio ínfimo por parte da Xunta de Galiza". Segundo a edil de Cultura, "isto demostra o desprezo que amosa o Partido Popular cada ano polas festas de todas e todos os lucenses".
Maite Ferreiro puxo en valor que, ante as excusas do PP, "a área de Cultura continuará a organizar unhas festas con actividades diversas que garantirán que todo o mundo poida desfrutar do programa". Ferreiro lembrou que "as festas de San Froilán son cada ano un éxito que se demostra vendo as rúas de Lugo cheas, e neste 2025 repetiremos o un ano máis como a gran festa do outono galego".
A edil de Cultura afirmou que "isto é unha mostra máis de que o PP está en contra do San Froilán, todos os anos queren abandonar a comisión de festa e nin fan propostas nas festas, nin apoian desde a Xunta de Galiza como merece a gran festa do outono galego".
A colaboración nos últimos anos da Xunta de Galiza ao San Froilán é de 25.000€, cantidade que Ferreiro calificou como "unha cantidade irrisoria para as festas máis importantes de Lugo" e engadiu "este ano investíronse 3.025.000€ no Son do Camiño, e ano a ano vemos como a Xunta gasta centos de miles de euros en actividades fóra de Lugo mentres deixa ás nosas festas máis importantes cunha aportación ínfima".
Maite Ferreiro afirmou que desde o Goberno de Lugo "traballamos para que, ano tras ano, o San Froilán sexa unha das festas máis importantes de Galiza", e afirmou que "a colaboración institucional da Xunta de Galiza non axuda a cumprir este obxectivo, dado que manteñen unha colaboración moi pequena comparada con outros eventos".
---------------------------------------------------------------------------------------------------------
Información sobre o San Froilán Miúdo 2025:
"Pockect Loop" da Compañía StopStoi.
Espectáculo que mestura malabares e música nun xogo que representa a vida mesma. Con bólas, aros de goma e unha batería, os artistas crean un espectáculo visual e sonoro que combina intimidade, minimalismo e momentos lúdicos. Sen palabras pero cheo de ritmo, a obra convida o público a explorar o aparentemente inútil e revela a beleza do cotián e a procura do significado da vida.
"Tranvía Nº12" de La Finestra.
Cinco diferentes personaxes reúnense nunha peculiar parada dun antigo tranvía, están nerviosos, desubicados, só teñen unha cousa en común... esperan. Están listos para irse, viaxar, descubrir o que lles depara o seu destino... o tranvía está alí esperándoos, pero sempre hai un motivo polo que nunca sae.
Esta emoción colectiva provocará neles unha forma inesperada de relacionarse, de coñecerse, descubrindo que teñen máis en común do que crían, moito talento, a creatividade, o circo, o sentido do humor #ante a vida e a súa peculiar resiliencia.
"Crunch 2!" de Muu.
Volven os dous superheroes máis queridos do circo nesta nova aventura. Unha viaxe temporal aos seus comezos, volver á escola por non sacar o título.
Quen non soñou con iso? Un mundo no que non es ninguén sen un título. Novos inimigos, novas aventuras, novos desafíos. Un espectáculo familiar cheo de malabares, caídas, golpes, corda frouxa, risas e equilibrios imposibles. Máis que nunca é tempo de superheroes!
"Humanus Comicus" de Mondo Costrini.
É un espectáculo divertido, provocador, terapéutico, e cheo de imaxinación. Unha enxeñosa parodia ao mundo do circo, que convida a rir e a reflexionar. Un cabaré absurdo e burlesco, onde o publico é cómplice e protagonista da acción. Humanus Comicus contaxia alegría e emoción, a golpe de gargalladas.
Ideado, dirixido e protagonizado por Sebastián Guz, clown de renome internacional, con 20 anos de traxectoria polos Festivais de todo o mundo.
"Gran Sonata" de Le Pluant.
Gran Sonata é o último concerto do compositor da época barroca Sr. Puant. Pero o noso protagonista non sabe que na época actual tamén temos teatros, así que decide traer o seu propio teatro. Como non cabía todo o teatro no camión, só puido traer a metade da platea. E con ela, as súas entrañas: o camerino, un mundo vestido de rosa onde poderemos espiar a vida máis íntima do Sr. Puant e onde o noso protagonista soña, baila e xoga a ter aquela vida que fose os escenarios non ten.
O que non sabe o Sr. Puant, é que se esqueceu dos músicos e terá que buscar a maneira para solucionalo. Conseguirá facer o seu último gran concerto? Ou será un fracaso e terá que enterrar a música para sempre?
"De Vilatriste a Vilalegre" de Teatro ao cubo.
Trepas é o alcume dun habitante de Vilatriste enredado inesperadamente nunha singular aventura: salvar á vila das fauces dun malvado dirixente. Xunto a unha inusual superheroína descobren a fórmula para vencer ao seu inimigo pero... funcionará?
De Vilatriste a Vilalegre é unha divertidísima creación de Teatro ó Cubo con monicreques e actores, para pequenas e maiores e en coprodución co Centro Dramático Galego no seu 40 aniversario.
"Historias para escagarriñarse" de Teatro Ghazafelhos.
Tres cíngaros percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes. Coincidindo co seu 20 aniversario, Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa. Co seu característico humor repasarán historias como as da Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña... A participación do público será imprescindible para poder representar estas historias para escagarriñarse. Un espectáculo cómico de rúa para todos os públicos.
Espectáculos itinerantes polas rúas do Recinto Histórico
"Pilots" de La Finestra (Premio Fetén 2025 ao mellor espectáculo itinerante de rúa)
Espectáculo itinerante no que uns divertidos pilotos chegan co seu orixinal coche a pedais en busca do mellor lugar onde realizar a súa tola carreira de bicicletas excéntricas.
No seu camiño atoparanse #ante inesperadas situacións que lograrán superar con moito humor, os seus números de acrobacias e malabares e a imprescindible colaboración do público.
"Circo Krasnovorak" de Troula.
Nika chega puntual, coma sempre, ó punto de quedada, o sitio onde tiña que estar montada a carpa do... "Gran Circo Krasnovarak!", pero... que acontece?, non hai carpa!, pero é que tampouco está Pepo o paiaso, nin os irmáns trapecistas.... NON HAI NINGUÉN! Tempo despois aparece Igor, o director e domador do circo, e resulta... que temos un problema maior!, os animais do circo...andan perdidos pola cidade!! Haberá que saír a buscalos!
"Rum rum..." de Xip Xap Teatre.
Unha carreira de coches onde pode pasar de todo. Un condutor malvado utiliza todas as trampas que ten ao seu alcance contra un científico tolo que, grazas ao seu enxeño, sabe atopar solución a todas as trampas; todo isto comentado por un comentarista deportivo que se transformará en mecánico ou policía valente segundo a necesidade do momento. Como nos espectáculos clásicos, o malvado será vítima das súas propias maldades e o bo gañará a carreira.
"Transhumancia" de Xip Xap Teatre.
A transhumancia é a migración estacional de rabaños en busca de pastos alí onde haxa dependendo da época do ano: pastos de montaña no verán e pastos no chairo no inverno.
E así son os nosos pastores, trasladan o seu rabaño alí onde o público está reunido para gozar do teatro. Pastores, cabras e o noso can son os personaxes principais, pero quizais acabes sendo ti o protagonista. Sabes muxir? E Que tal se che dá facer de lobo?