O BNG pedirá explicacións no parlamento galego polo peche de servizos no HULA
Está claro que o negocio estaba na construción do edificio e ao PP non lle importa que quede baleiro de servizos afirmou Cosme Pombo
Para os nacionalistas non é normal que se peche o servizo de uroloxía e se manteñan pechadas 34 camas de mediciña interna cando a ocupación é do 100 % nesta área
Lugo, 19 de xullo 2015. O parlamentario, Cosme Pombo, anunciou que o BNG pedirá explicacións no parlamente galego pola intención, da consellería de sanidade, de pechar o servizo de uroloxía. Pombo acusou ao goberno de Núñez Feijoo de seguir marxinando a Lugo en materia sanitaria e criticou a decisión de manter o peche de 34 camas en mediciña interna. O parlamentario nacionalista lembrou que as 34 camas de mediciña interna están pechadas dende o mes de xullo e permanecerán pechadas ata o remate do San Froilán.
Mentres hai enfermos que teñen que agardar ata 15 horas en urxencias agardando por un cama a consellería mantén pechadas as camas de mediciña interna e a enfermos, que deberían estar nesta unidade, desperdigados por outras zonas do hospital. O BNG reclamará no parlamento galego unha solución rápida e urxente por que a atención sanitaria é o primeiro e os lugueses debemos ter a mesma atención sanitaria que todos os galegos e galegas.
Para o BNG a consellería de sanidade segue marxinando a Lugo aínda non se sabe cando entra en funcionamento hemodinámica 24 horas, radioterapia e mediciña nuclear, un servizo co que xa contan o resto das cidades galegas dixo Cosme Pombo. Pombo lembrou que existen áreas do HULA que non están ao 100 % da súa potencialidade de uso como é o caso da xeriatría e xinecoloxía.
A mistura de uroloxía e traumatoloxía
O parlamentario do BNG manifestou, tamén, a súa preocupación polo peche da unidade de uroloxía que agora vai compartir espazo con traumatoloxía. Cosme Pombo afirmou que non fai falta ser un especialista para saber que a uroloxía non ten nada que ver coa traumatoloxía e explicou que o feito de que se decida hospitalizar xunto a pacientes con afeccións relativas a estas dúas especialidades vai ir nun claro detrimento da calidade asistencial.