“O PROPIO PROCESO DE EXCAVACIÓN PODE CONVERTERSE NUN PUNTO DE ENCONTRO PARA PERSOAS QUE ESTUDAN O MUNDO CASTREXO E LUGO SER REFERENTE NESTE MATERIA” DIXO ARROXO

O BNG pedirá no pleno do concello a excavación do Castro da Piringalla

castro_con_texto
Infografía sobre o posible resultado da excavación do castro da Piringalla

Rubén Arroxo sinalou que “sería unha forma sostible de reforzar os atractivos turísticos da cidade”

O BNG pedirá no pleno do concello a excavación do Castro da Piringalla

Lugo, 9 de setembro 2016. Rubén Arroxo informou que o BNG-AA levará ao pleno do concello unha iniciativa para solicitar que se inicien os traballos de excavación do Castro da Piringalla. Dende o BNG realizouse unha infografía, que se difundirá a través dos medios de comunicación e das redes sociais, para que os lucenses poidan ver como podería ser esta zona de Lugo unha vez excavado o Castro. Arroxo lembrou que “estamos mandando os turistas a visitar castros de vilas que están a varios kilómetros mentres na cidade temos un agochado baixo a terra”.

“estamos mandando os turistas a visitar castros de vilas que están a varios kilómetros mentres na cidade temos un agochado baixo a terra”

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que “na nosa proposición plantexamos iniciar os estudos e proxectos máis acaídos para poder desenterrar o Castro da Piringalla e crear un parque arqueolóxico”. Arroxo que propuxo desenvolver o plan para escavar e poñer en valor o Castro da Piringalla asegurou que "tanto o Concello como a Deputación e a Xunta terán que comprometerse para facer os investimentos necesarios".

Para o BNG "o Castro da Piringalla pode converterse nun importante punto de atracción turística para a cidade". O Castro da Piringalla complementaria a oferta turística da cidade "ademais de aportar coñecemento sobre a historia da cidade e converterse nun centro de estudo arqueolóxico" dixo o voceiro nacionalista.  O Castro da Piringalla data da Idade do Ferro e é anterior, polo tanto, á época romana, polo que tén un importante valor arqueolóxico. Foi descuberto, no ano 2007, no transcurso dunhas obras municipais de substitución dunha das tubaxes de canalización de auga que conducen aos depósitos municipais ubicados xusto enfronte do castro.

O asentamento castrexo ocupa unha importante superficie adicada a terras de labranza e a súa configuración é circular, protexido por un dobre foso defensivo. No Plan Xeral este xacemento aparece catalogado e incluído dentro dunha zona verde. Precisamente o feito de que a superficie do castro non se atope urbanizada, senón que se mantiveran como terreos agrícolas, fai pensar que o seu estado de conservación sexa bo. Lugo sería deste xeito unha das poucas cidades que tería dentro do seu entramado urbano un castro e isto suporía un importante atractivo dende o punto de vista cultural e turístico.

O BNG propón para este espazo a escavación do castro, a posta en valor ao aire libre dos restos atopados e a construción dun pequeno museo e centro de interpretación que complete o conxunto museístico. Moi preto deste lugar tamén se atopan os restos achados do acueduto usado na época romana para traer a auga ata a cidade. Deste xeito completaríase un interesante circuíto pola cidade que comezaría na época castrexa e remataría na Muralla e a romanización, podendo amosar aos visitantes unha visión máis global e completa do mundo romano e da historia da cidade.
 

O BNG pedirá no pleno do concello a excavación do Castro da Piringalla