OLALLA RODIL SINALOU QUE "A SENTENCIA SOBRE A SANCIÓN ÁS PERSOAS DA PLATAFORMA POLO RÍO DE SARRIA É DEMOLEDORA E A ACTUACIÓN DA SUBDELEGACIÓN TOTALMENTE REPROBABLE”
O BNG pedirá a reprobación da Subdelegación do Goberno en Lugo no Parlamento Galego
“Agardamos apoio de todos os grupos para que a Cámara Galega faga unha reprobación contra esta actuación "inxusta" da Subdelegación do Goberno” dixo Rodil
Lugo, 1 de decembro de 2016. O BNG pedirá a reprobación da Subdelegación do Goberno en Lugo no Parlamento Galego. A parlamentaria do BNG por Lugo dixo que “a sentencia do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo é suficientemente clarificadora” e demostra que “catro persoas foron sancionadas sen probas por esta subdelegación”. Para o BNG trátase dunha volta a tempos nos que as forzas da orde e os gobernadores civís actuaban como xuices e executores da lei sen dar opción á lexítima defensa por eso “entendemos que unha institución como o Parlamento Galego non pode ficar allea a este xeito antidemocrático de actuar” afirmou Rodil.
A sentenza foi coñecida o pasado 23 de novembro e nela anúlanse as multas impostas en marzo de 2014 a catro persoas que intenteban, mediante unha sentada, impedir as controvertidas obras de encauzamento do río Sarria. Estas persoas foran desaloxadas, pola Garda Civil, do desparcido ponte do Toleiro. Olalla Rodil lembrou que en abril deste mesmo ano o BNG de Sarria levou ao pleno do concello unha moción na que se propoñía que o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, fose declarado persoa non grata e que “naquel momento ningún grupo político apoiou a iniciativa do BNG que agora se demostra como acertada”.
“Sempre dixemos que as mobilizacións eran pacíficas e que as sancións impostas, por un total de 16.709 euros, eran desproporcionadas” afirmou Rodil e engadiu “por iso consideramos que todos os grupos políticos que acrediten na democracia e no dereito a manifestarse deberán apoiar a nosa proposta de reprobación no Parlamento Galego”. A setenza, explicou Rodil, recoñece que a mobilización foi reprimida con multas e sen probas. O xulgado tivo en conta probas gráficos, vídeos e testigos que a Subdelegación rexeitou nos recursos administrativos previos.
A sentencia considera que "non é de recibo" que a Subdelegación do Goberno "apele a que existe numeroso material probatorio acreditativo da realidade dos feitos imputados", en referencia a fotografías, pero non o incorpore ao correspondente expediente. A entidade gubernamental, agrega, argumentou a validez das multas con "imprecisións ou afirmacións xenéricas" que non son suficientes para poder exercer a "potestade sancionadora".