VECIÑAS E VECIÑOS TRASLADARON ESTA PETICIÓN DESPOIS DE MOITOS MESES CUN COLECTOR DE LIXO OCUPANDO O SITIO DA DESAPARECIDA MARQUESIÑA
O BNG-AA pide a reposición da marquesiña do Monte Segade en Orbazai
Para o BNG-AA “trátase dunha sinxela actuación que podería aproveitar a alcaldesa para facer unha inauguración tan fastuosa como a da banda rugosa da Residencia”
Lugo, 26 de novembro 2016. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, trasladará ao goberno local unha petición para que se repoña a marquesiña que servía de refuxio na estrada de Santiago, nas inmediacións do Monte Segade, na parroquia de Orbazai. Arroxo explicou que “dende que desapareceu a marquesiña o concello non a repuxo e esta parada de autobús é moi utilizada por veciñas e veciños de Orbazai”.
Neste momento a base de formigón na que estaba anclada a antiga marquesiña está ocupada por un colector do lixo. A petición de reposición deste elemento de mobiliario urbán xa foi presentada no concello pero ata o momento o goberno municipal fixo oidos xordos a esta demanda veciñal. Para o BNG-AA “trátase dunha sinxela actuación que podería aproveitar a alcaldesa para facer unha inauguración tan fastuosa como a da banda rugosa da Residencia”.