O BNG pide que se estude o ensanche dos carrís da parte baixa da rúa Pintor Corredoira
“Cada vez que se cruzan dous buses nese punto existen dificultades serias para poder usar os tres carrís da calzada” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 28 de agosto 2018. O grupo municipal do BNG pedirá na vindeira comisión de infraestruturas que se estude a posibilidade de ampliar os tres carrís que existen na parte baixa da rúa Pintor Corredoira, xusto na intersección coa avenida República Arxentina, dado que, en palabras do propio grupo, os carrís son demasiado estreitos e cando baixa un autobús adoita a quedar un deles eliminado. O BNG leva esta proposta pola razón de que a rúa Pintor Corredoira é un dos principais accesos á estación de buses, a maiores de que por aí pasan liñas do transporte urbano polo que é preciso mellorar a seguridade nese punto. O portavoz Rubén Arroxo descarta a posibilidade de eliminar un carril para facer dous máis grandes, dado que o feito de ter dous de baixada permite axilizar moito máis o tráfico, polo que considera unha solución alternativa “dado que temos un amplo espazo verde do lado esquerdo en dirección baixada, sería sinxelo desprazar a beirarrúa un metro, o cal daría máis de 30 cm a cada carril, o que daría máis fluidez, porque xa non se perderían un carril cando hai un bus no cruce, e melloraría a seguridade” dixo Rubén Arroxo.
Para o BNG esta obra de pouco custe podería ser estudada xusto neste momento dado que en poucas semanas se iniciarán as obras de mellora do pavimento da ronda República Arxentina “o ideal sería comezar a traballar nisto agora que se vai estar en obras na zona para non ter que andar movendo maquinaria de novo máis adiante” afirmou o portavoz nacionalista.