O BNG critica que este sexa o décimo verán no que Lugo quedou sen zona de baño
O pleno acordou por primeira vez a creación dunha praia fluvial tras unha proposición do BNG na primavera do ano 2009
“A alcaldesa anunciou o 9 de abril deste mesmo ano que neste verán Lugo tería zona de baño. Hoxe demóstrase que foi outra mentira máis” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 29 de agosto 2018. “Este é o décimo agosto que remata dende a súa aprobación e seguimos sen zona de baño no Miño” dixo Rubén Arroxo unha vez que vai finalizando xa a época estival. O portavoz do BNG lembrou que dende o 2009, cando o seu grupo conseguiu por vez primeira a aprobación desta proposición, levan insistindo en que se execute a tan ansiada zona pública de baño “é incrible que a maioría dos concellos do entorno, malia seren moito máis pequenos, teñan zonas de baño fluviais e Lugo non sexa capaz de ter nin un acceso seguro ao río” afirmou o concelleiro nacionalista
Dende o BNG quixeron lembrar que a alcaldesa de Lugo mantivo unha reunión o pasado mes de abril co daquelas presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil na cal confirmou na súa saída que este ano Lugo tería xa neste verán a zona pública de baño no Miño “A alcaldesa anunciou o 9 de abril deste mesmo ano que neste verán Lugo tería zona de baño. Hoxe demóstrase que foi outra mentira máis” dixo Rubén Arroxo.
http://lugo.gal/es/noticias/ayuntamiento-y-chms-se-comprometen-sacar-adelante-el-area-publica-de-bano-en-el-mino-este
O BNG quixo lembrar tamén que tras a xuntanza da Comisión de Seguimento de Asuntos Plenarios que tivo lugar o pasado 3 de agosto o goberno municipal xa descartaba a posibilidade de que Lugo contase cunha zona de baño no río neste mandato, convertendo o debate nunha longa lista de explicacións sobre informes e contra-informes entre as diferentes institucións “Cada vez que se trata este tema aparece un ping-pong político entre PP e PSOE polos desencontros das institucións que gobernan, polo que fica claro que Lugo continuará sen zona pública de baño mentres o PSOE ou o PP gobernen no noso concello” afirmou o portavoz do BNG.
Dende o BNG sinalaron tamén que o cambio da presidencia da Confederación Hidrográfica podería supoñer avances neste asunto, por ser o novo presidente do mesmo grupo político da alcaldesa, malia a todo semella que non existe interese real. Precisamente na liña do interese real, Rubén Arroxo lembrou que o BNG levou adiante un proxecto para un acceso seguro co que conseguiu as autorizacións precisas, pero foi “boicoteado” polo goberno do PSOE da Deputación. Ao igual que a proposta que dende as filas nacionalistas fixeron nesta primavera para adaptar o peirao dos Robles como acceso seguro, ante o cal a Deputación só foi quen de pechalo.