O BNG propón que se avance agora na eliminación do tapón de Montero Ríos

foto barreira urbanístiva Montero Ríos
foto barreira urbanístiva Montero Ríos
O BNG propón que se avance agora na eliminación do tapón de Montero Ríos

Lugo, 30 de agosto 2018. Tras o paso dado por parte da xunta de goberno municipal de cara a avanzar para dar solución, tantos anos despois, á confluencia da rúa San Roque co carril das Flores, dende o BNG propoñen que se avance na zona e se elimine a barreira urbanística que dende hai anos leva ocupando o número 2 da rúa Montero Ríos. Maite Ferreiro explicou que ese punto é problemático dado que a beirarrúa queda moi reducida nunha rúa con moito movemento peonil. Ademais a concelleira nacionalista dixo que esa zona ten un gran valor, posto que por ela pasa un patrimonio da humanidade como é o Camiño Primitivo, e está xusto en fronte de outro como é a Muralla “temos o Camiño Primitivo xusto aí, e no mesmo punto un predio valado con chapa dende hai anos, que fai de barreira urbanística e que crea unha imaxe bastante negativa a nivel estético”, indicando tamén que ese solar se atopa cheo de maleza e incluso de lixo.

 

Para a concelleira do BNG, Maite Ferreiro, esa zona da cidade leva tempo en abandono, e a veciñanza adoita a queixarse da falta de atención e coidado, de aí que considere que pode ser positivo iniciar un proceso de transformación máis ampla que o predio no que se centra a modificación do PEPRI “Agora que se da un paso importante para resolver o predio onde conflúe San Roque e carril das Flores, é o momento de retirar este tapón”, asegurando que se melloraría moito tanto en imaxe como en seguridade e accesibilidade.

 

Ademais nesta liña a edil tamén sinalou que xusto despois de dita barreira hai unha parada de bus, o cal dificulta aínda máis se cabe o paso pola acumulación de xente que se dá neste lugar.

O BNG propón que se avance agora na eliminación do tapón de Montero Ríos