O BNG pide que no día mundial sen coches a Mosqueira sexa durante 24 horas unha praza para as persoas
“Hai un acordo plenario aprobado para converter a Mosqueira nunha praza peonil, o vindeiro 22 de setembro poderiámolo vivir xa durante todo o día” sinalou Arroxo
Lugo, 29 de setembro de 2015. O voceiro do BNG – Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou o acordo plenario do mes de abril para que o tramo da ronda da Mosqueira se converta nunha praza peonil ao servizo das persoas, en relación con isto o propio portavoz nacionalista propuxo que este ano no día mundial sen coches se manteña libre de vehículos durante as 24 horas, co fin de que a veciñanza de Lugo a poida usar “Hai un acordo plenario aprobado para converter a Mosqueira nunha praza peonil, o vindeiro 22 de setembro poderiámolo vivir durante todo o día” sinalou Arroxo.
"unha nova oportunidade para ir pensando nun proxecto de Lugo"
Rubén Arroxo sinalou que é unha nova oportunidade para ir pensando nun proxecto de Lugo onde non se precise ter a muralla rodeada por vehículos. En relación con isto o propio concelleiro nacionalista lembrou que o ano pasado solicitouse en dúas ocasións por parte do BNG (no Día Mundial sen Coches e no XV Aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade) deixar o monumento libre de vehículos a motor durante eses dous días, malia que o goberno municipal fixo caso omiso.
O voceiro do BNG reafirmou en que “poucas cidades europeas se permiten ter un monumento. Patrimonio da Humanidade, de 2.000 anos de antigüidade rodeado por vehículos a motor, o camiño da peonalización non ten volta atrás e se queremos construír o Lugo do século XXI temos que ser valentes”. Arroxo afirmou que “con este xesto o goberno municipal ten a oportunidade de amosar o seu compromiso co avance na humanización efectiva da cidade e de ser consecuente cos acordos plenarios”.