RODIL PRESENTOU NA POBRA DO BROLLÓN AS PROPOSTAS DO BNG PARA GARANTIR O TRANSPORTE E MOBILIDADE NOS CONCELLOS RURAIS CUN “SISTEMA DE TRANSPORTE A DEMANDA”
“Feijoo menospreza, co transporte, a quen máis o precisa” dixo Olalla Rodil
Para Rodil, os anuncios de gratuidade no transporte metropolitanos, “son propaganda electoralista, e un agravio para quen ten máis dificultades para desprazarse”
Lugo, 17 de setembro 2016. Diante da estación pechada do ferrocarril na Pobra do Brollón, presentou a candidata do BNG, Olalla Rodil, as propostas da formación nacionalista en matería de transporte. Rodil dixo que “Feijoo menospreza, co transporte, a quen máis o precisa” e explicou que “todos os plans de transporte anunciados polo Partido Popular van dirixidos ás áreas urbanas e periurbanas, pero esquecen ás persoas que viven nos concellos rurais que son quen máis dificultade ten para desprazarse, se non contan con medios propios”.
Rodil apostou pola posta en marcha do GALTREN
A candidata do BNG deu a coñecer a proposta do BNG para a posta en marcha dun sistema de transporte “a demanda” para determinadas zonas do país. “Non ten sentido mover un autobús de varias toneladas e altamente contaminante para desprazar cantidades moi pequenas de viaxeiras” afirmou Rodil e sinalou que “nun país tan complexo e variado como a Galiza, as solucións uniformes non son válidas”. Olalla Rodil estivo acompañada do alcalde da Pobra do Brollón, Xosé L. Maceda, e de persoas que forman parte da candidatura do BNG.
Rodil referiuse, unha vez máis, á necesidade de acometer unha reforma estrutural dos servizos ferroviarios para que “sexan útiles e utilizables”. Rodil apostou pola posta en marcha do GALTREN, unha empresa pública que xestione os servizos ferroviarios de proximidade como xa ocurre en Catalunya ou en Euskadi. “Na Pobra do Brollón a xente podería utilizar, perfectamente, subir ao ferrocarril para desprazarse a Monforte, Sarria ou Lugo, mais para iso, as liñas teñen que estar pensadas e deseñadas dende Galiza e para as galegas e galegos”.
065
Olalla Rodil lembrou, tamén, como o goberno do partido popular e Núñez Feijoo “desmantelaron o sistema de transporte adaptado 065”. Un sistema que foi posto en marcha polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza e que estaba pensado para dar cobertura ás necesidades da poboación deste país que máis o necesita. “Nós imos gobernar para dar solución aos problemas da xente e non para darlles negocio aos amigos” dixo Olalla Rodil que acusou aos populares de enfocar as súas políticas “en clave de negocio para os seus afíns”.