A XUNTA DE GALIZA IGNORA, CUN DECRETO UNILATERAL, O ACORDO DO 2009 EN RELACIÓN AOS AGRUPAMENTOS DE ALUMNADO E EN PORTOMARÍN SUPRIMIUSE UN DOCENTE ABOCANDO AO CENTRO A UN AGRUPAMENTO IRREGULAR
O BNG pide, no Parlamento, que non se agrupe alumnado de distinto ciclo en Portomarín
Olalla Rodil levará esta iniciativa despois de reunirse con nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín
Portomarín, 2 de marzo de 2019. Olalla Rodil anunciou, en Portomarín, a presentación de iniciativas no Parlamento Galego para solicitar que a Xunta de Galiza fixe como criterio, para o agrupamento de alumnado nunha mesma aula, que só poida desenvolverse entre alumnado que pertenza ao mesmo ciclo formativo, agás no suposto excepcional das escolas unitarias.
Desde o ano 2009 a Xunta de Galiza decidiu que en centros con pouco alumnado matriculado, especialmente no rural, poderían agruparse estudantes de distinto ciclo na mesma aula. Inicialmente, o Goberno Galego acordou con algunhas organizacións sindicais que este tipo de agrupamentos só se poderían levar a cabo cando o número de estudantes se situase por baixo de 12 en Primaria. En 2012, a Consellaría decidiu rachar con estas condicións a través dun Decreto unilateral.
No caso de Portomarín, malia contar cunha alumna máis matriculada en relación ao curso anterior, a Xunta de Galiza suprimiu un docente no centro e impuxo o agrupamento fóra do mesmo ciclo o que provocou importantes denuncias entre as familias do Concello de Portomarín.
Rodil levará, á cámara galega, esta iniciativa despois de reunirse con nais e pais do CEIP Virxe da Luz de Portomarín. A deputada do BNG explicou que “no curso 2018/2019 o CEIP Virxe da Luz de Portomarín foi un dos centros que se viron obrigados a agrupar o alumnado de distinto ciclo na mesma aula, o estudantado de 1º, 2º e 3º de Primaria nunha aula e o de 4º, 5º e 6º noutra”.