ARROXO: "PASARON MÁIS DE 3 ANOS DESDE QUE RUEDA ANUNCIOU A CONSTRUCCIÓN DESE APARCADOIRO SEN QUE SE DESE NINGÚN PASO"
O BNG pide "superar a parálise" do proxecto de aparcadoiro da Xunta en Fontiñas
Arroxo: "Pasaron máis de 3 anos desde que Rueda anunciou a construcción dese aparcadoiro sen que se dese ningún paso"
O portavoz do BNG afirmou que "a Xunta malgastou un millón de euros en construir un aparcadoiro nunha zona con moito espazo para aparcar", e lembrou a proposta do BNG para crear máis de 100 prazas no cruce da rúa Primavera con carril das Hortas e carril das Flores
O portavoz do BNG afirmou que "a Xunta malgastou un millón de euros en construir un aparcadoiro nunha zona con moito espazo para aparcar", e lembrou a proposta do BNG para crear máis de 100 prazas no cruce da rúa Primavera con carril das Hortas e carril das Flores
26 xuño 2026 - 11:38
Lugo, 26 de xuño de 2026. O BNG pedirá información á Xunta de Galiza para coñecer os pasos dados na construcción dun novo espazo de estacionamento en Fontiñas. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, chamou á Xunta a “superar dunha vez a parálise” deste proxecto, logo de máis de tres anos desde o seu anuncio sen avances efectivos.
Arroxo lembrou que “pasaron máis de tres anos desde que Rueda anunciou a construción dese aparcadoiro sen que se dese ningún paso”, o que evidencia, ao seu xuízo, “a ausencia de compromiso real coa veciñanza de Fontiñas e coa mellora da mobilidade de Lugo”.
O BNG puxo o foco na “mala planificación” por parte da Xunta, ao destinar arredor dun millón de euros á construción dun aparcadoiro "nunha zona onde xa existe ampla dispoñibilidade de prazas", lembrou Arroxo, que engadiu "o BNG xa reclamamos cando se empezou a traballar no aparcadoiro da avenida de Breogán que este orzamnento se destinase a mellorar a dispoñibilidade de estacionamento en Fontiñas".
Fronte a esta situación, o BNG defende alternativas concretas, como a proposta presentada como emenda aos orzamentos da Xunta para habilitar máis de 100 novas prazas de estacionamento no cruce da rúa Primavera co carril das Hortas e o carril das Flores. Segundo explicou Arroxo, esta actuación permitiría “responder de maneira eficaz á demanda existente, optimizando os recursos públicos e mellorando a calidade de vida da veciñanza”.
A proposta do BNG sitúa este novo estacionamento na unión da rúa Primavera, o Carril das Hortas e o Carril das Flores, "un espazo que actualmente se emprega de maneira desordenada como estacionamento e que con esta proposta se convertería nun espazo útil para a veciñanza, dando continuidade á renovación do Carril das Flores que se está a executar xa".
A proposta inclúe a posibilidade de crear un estacionamento de dúas alturas, aproveitando o desnivel existente entre a rúa Primavera e o Carril das Hortas, o que permitiría "optimizar o uso do espazo e ofrecer preto de cen novas prazas de aparcadoiro". Ademais, o proxecto permitiría mellorar a imaxe urbana desta área situada xunto ao Camiño de Santiago, "cun deseño estético integrado en espazos verdes e coherente coa contorna". Esta nova infraestrutura podería contar cun espazo de 3.000 metros cadrados repartidos en dúas plantas que engadirían preto de 100 prazas de estacionamento á zona.
Rubén Arroxo lembrou que a actuación podería desenvolverse mediante os mesmos instrumentos que empregou a Xunta para executar o aparcadoiro da avenida Breogán, declarando o proxecto de interese autonómico. "Se a Xunta quere, pode facelo tamén aquí, porque dispón da lexislación necesaria para intervir neste tipo de solos", subliñou Arroxo.