O VOCEIRO DO BNG LEMBROU QUE NON HAI PREVISIÓN PARA SOLUCIONAR A REGULACIÓN DE APARCAMENTO, NIN SE AMPLÍAN AS PRAZAS DO SOTERRADOS, NIN HAI PLAN DE MOBILIDADE

O BNG pídelle á alcaldesa “que explique en Lugo o modelo de mobilidade que explicou en Bruxelas”

“Parece que os lucenses imos ter que ir a Bruxelas para enterarnos do que se quere facer en Lugo” ironizou Arroxo

O BNG pídelle á alcaldesa “que explique en Lugo o modelo de mobilidade que explicou en Bruxelas”

Lugo, 5 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, pediulle á alcaldesa que lles explique aos lucenses como é ese plan de mobilidade que foi explicar a Bruxelas e ironizou  “parece que os lucenses imos ter que ir a Bruxelas para enterarnos do que se quere facer en Lugo”. Arroxo lembrou que “o único que fixo o goberno municipal en canto á mobilidade foi crear un caos no aparcamento sen dar solución ao suspender o sistema ORA e aplicar a medias o que foi unha proposta do BNG para calmar o tráfico na ronda da Muralla”.

Arroxo afirmou que “a alcaldesa non foi capaz de executar as propostas feitas dende o BNG para crear os aparcadoiros disuasorios, para peonalizar o casco histórico, para calmar o tráfico rodado na cidade, ou para potenciar o uso da bicicleta” e engadiu “volvemos a poñerlle nas mans o proxecto de mobilidade que ten o BNG para que poida ter algo que explicar aos lucenses”. O voceiro do BNG lembrou que non hai previsión para solucionar a regulación de aparcamento, nin se amplían as prazas do soterrados, nin hai plan de mobilidade.

Para o BNG “é positivo que se defenda ante as institucións europeas as necesidades da cidade de Lugo, que se busquen recursos e capten fondos para diferentes proxectos para o concello, mais resulta curioso que se fale de algo que se descoñece na cidade”. Rubén Arroxo solicitou que “a alcaldesa respecta ás veciñas e veciños e conte en Lugo o que ten pensado facer na cidade para que non nos teñamos que enterar vía Bruxelas”.

O BNG pídelle á alcaldesa “que explique en Lugo o modelo de mobilidade que explicou en Bruxelas”