BRANCA FERNÁNDEZ : “SUBSTITUÍR UNHA PRAZA MÉDICA COMPLETA POR UNHAS POUCAS HORAS Á SEMANA E CON PROFESIONAIS ROTATORIOS É UN RECORTE INACEPTÁBEL PARA A VECIÑANZA DE POL”

O BNG de Pol denuncia o desmantelamento dos servizos médicos no Centro de Saúde

Branca Fernández : “Substituír unha praza médica completa por unhas poucas horas á semana e con profesionais rotatorios é un recorte inaceptábel para a veciñanza de Pol”

O BNG de Pol denuncia o desmantelamento dos servizos médicos no Centro de Saúde



Pol, 21 de marzo de 2023.- O BNG de Pol , a través da súa portavoz municipal, Branca Fernández, denuncia o progresivo desmantelamento da atención sanitaria no Centro de Saúde do concello tras a decisión da Consellería de Sanidade de non substituír en condicións dignas a vacante producida pola xubilación dun dos médicos do centro.


A formación nacionalista alerta de que a praza, que anteriormente contaba cunha xornada laboral completa, está a ser substituída por un servizo claramente insuficiente: atención médica só tres días á semana, cunha xornada de apenas catro horas diarias e ademais prestada por profesionais distintos que van rotando.


A portavoz nacionalista sinala que esta situación “supón un claro recorte na atención sanitaria da veciñanza e unha perda evidente de calidade no servizo público”.


Segundo explica, “resulta moi difícil garantir unha relación médico-paciente axeitada nestas circunstancias. A confianza e o seguimento médico son fundamentais, e iso non se consegue cando cada día atende un profesional diferente que non coñece a realidade nin o historial das persoas que acoden á consulta”.


Dende o BNG lembran que Pol é un concello de máis de 1.500 habitantes, cunha poboación especialmente envellecida, unha realidade común en moitos municipios da provincia de Lugo e que precisamente require reforzar os servizos sanitarios e non reducilo.


“Nun territorio con dispersión poboacional e cunha elevada porcentaxe de persoas maiores, recortar na atención médica é condenar á veciñanza a unha peor asistencia sanitaria”, afirma Branca Fernández
A portavoz nacionalista tamén critica a responsabilidade directa da Xunta de Galicia nesta situación: “A Consellería de Sanidade ten todas as competencias en materia sanitaria e debe garantir unha atención digna no rural. O que está a facer é exactamente o contrario”.


Neste sentido, Fernández pregúntase “se o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, considera satisfactorio o seu traballo mentres continúa aplicando recortes que prexudican directamente á cidadanía”.


“O que precisa a sanidade pública galega non son máis recortes nin parches, senón planificación, estabilidade e profesionais suficientes para garantir unha atención sanitaria de calidade”, conclúe.

O BNG de Pol denuncia o desmantelamento dos servizos médicos no Centro de Saúde