OLALLA RODIL “ LAMENTAMOS A ACTITUDE DO PP, FAI UNHA SEMANA VOTABAN EN CONTRA DA INICIATIVA DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO DE CUBRIR AS PRAZAS VACANTES EN SAN ROMÁN E RESTITUÍR A ATENCIÓN SANITARIA EN DOIRAS”
A veciñanza de Cervantes volve mobilizarse para denunciar a situación sanitaria que vive este concello
Olalla Rodil “ Lamentamos a actitude do PP, fai unha semana votaban en contra da iniciativa do Bng no Parlamento Galego de cubrir as prazas vacantes en San Román e restituír a atención sanitaria en Doiras”
Cervantes, 18 de marzo de 2026.– A veciñanza de Cervantes volveu concentrarse hoxe diante do centro de saúde de San Román para denunciar o peche do consultorio médico de Doiras e a decisión da Consellería de Sanidade de non cubrir a vacantes médicas no concello.
Estiveron acompañados por Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento Galego e membros do BNG de Cervantes.
A deputada do BNG puxo de manifesto a inacción do PP á hora de garantir o acceso á saúde da veciñanza de Cervantes cando na iniciativa levada por ela mesma ao Parlamento o PP votou en contra da cobertura permanente das dúas prazas de persoal facultativo no centro de saúde de San Román de Cervantes así como da restitución da atención sanitaria no consultorio de Doiras.
Non pode ser que dende o PP de Cervantes se trate de tapar a ineficacia do PP en lugar de estar a traballar por solucionar a situación que está a sufrir a veciñanza “non fixeron absolutamente nada, máis que enganar á xente asegurando que non mes de outubro se restituiría todo”. “Non manipule a realidade”, emprazou.
A deputada de Lugo reclamoulle ao PP, por “honestidade e respecto” á veciñanza, que “non lles siga mentindo” con promesas como as de que ía volver reabrir o consultorio de Doiras ou que os e as doentes ían ser atendidos con todas as garantías e que se despregaría no concello o programa de enfermería a domicilio do Sergas “Ariadna”.
Non podemos permitir que o concello de Cervantes pasase de ter dous médicos e unha enfermeira no centro de saúde de San Román e un médico e unha enfermeira en Doiras a atender toda a poboación, cun único médico e unha enfermeira para todo o concello .
No caso de Doiras, recordou que se pechou o consultorio no verán de 2024 e que cando o reabriron, xa só prestaba atención dous días á semana. “Non se cubriu a praza que quedou vacante, só se desprazaba un dos médicos de San Román a Doiras de xoves a venres”, precisou.
No que respecta ao centro de Saúde de San Román, a deputada manifestou que un dos médicos cambiou de destino no concurso de traslados e que, como só queda un en todo o concello de Cervantes, Doiras está pechado e toda a poboación recibe atención no centro de saúde de San Román, cunha única médica e unha enfermeira.
A deputada lembrou que en total estamos a falar de 945 pacientes, con 238 cartillas en Doiras e con 378 e 329 dos dous médicos de San Román. Rodil argumentou neste punto que a sanidade perde a súa condición de calidade, accesibilidade e proximidade cando as persoas adscritas a Doiras se ven obrigadas a percorrer máis de 20 quilómetros para ver un médico e que ademais carecen de transporte e dependen do seu propio vehículo ou de que o leve algún veciño ou pagar un taxi.
“Cervantes non é Lugo nin Santiago”, comparou, lembrando que se trata dun concello de alta montaña cunha superficie de 277,63 km² e cunha poboación que de media ten 60 anos. “A proximidade e a accesibilidade brilla pola súa ausencia”, criticou.