OS PRECINTOS TEÑEN O TEXTO ESTES PANEIS NON FUNCIONAN POR QUE Á ALCALDESA NON LLE DÁ A GANA
O BNG “precinta” os paneis dos buses con cartaces denunciando “a inutilidade de algo que non funciona”
Arroxo sinalou que “queremos destacar a falta de interese e o inmobilismo deste goberno en solucionar a mal funcionamento dos buses”
Lugo, 10 de xaneiro de 2019. O BNG precintou, simbolicamente, os paneis electrónicos dos buses. “Estes paneis non funcionan por que o goberno non ten interese en que funcionen, igual que sucede con todo o referente ao contrato dos buses nesta cidade” explicou Rubén Arroxo. Dende antes da entrada da adxudicación do contrato dos buses urbanos deixaron de funcionar estes paneis e, segundo Arroxo, “temos un sistema de buses do século pasado, a pesares das inversións feitas e de que se colocaron estes aparatos que nunca funcionaron debidamente”.
“Vemos como a empresa adxudicataria non renovou as liñas nin se puxo en marcha o sistema de seguimento das liñas para que se poidan activar os paneis informativos, séguense facturando voltas ás rotondas e o PSOE parece estar cómodo con esta situación por que non fan nada para que mellore o servizo e se xestione doutra maneira” dixo Rubén Arroxo. O Voceiro do BNG-AA sinalou que a empresa presentou un plan de transporte en xullo de 2017 e a día de hoxe seguimos coas mesmas liñas e servizo de sempre por que o goberno non da os pasos necesarios para que o servizo mellore.
Dende o BNG lembran tamén que tanto os paneis informativos como a APP seguen sen funcionar, malia que deberan estar en funcionamento dende xuño do 2016 “o goberno municipal só pon escusas absurdas sobre que os sistemas dixitais do transporte público sigan parados, cando a realidade é que amosan un desinterese absoluto”. Arroxo lembraba que a alcaldesa de Lugo chegou a anunciar, ante os medios, que con esta actualización do contrato do servizo de transporte se ían pasar dos 8.200 desprazamentos diarios neste medio de transporte a 44.000 “todo o que nos vendeu a alcaldesa de Lugo a respecto do transporte público foi fume, e estanse a incumprir tanto o contrato como os acordos plenarios” afirmou o concelleiro do BNG.