“PP E PSOE UTILIZAN A TINERÍA PARA A CONFRONTACIÓN ENTRE XUNTA E CONCELLO PERO DENDE QUE O BNG APOSTOU POLA REHABITACIÓN NON SE VOLVEU FACER NADA NO BARRIO” AFIRMOU ARROXO
O BNG precinta simbolicamente as ruínas da Xunta na Tinería
Para o BNG “resulta lamentable que Lugo e a Tinería sexa noticia polo abandono no quedou un barrio no que conflúen 3 elementos patrimonio da humanidade”
Lugo, 1 de febreiro de 2018. Militantes e simpatizantes do BNG protagonizaron un acto simbólico para visibilizar o estado de abandono do barrio da Tinería e, en particular, dos edificios que son propiedade da Xunta. Para o BNG “resulta lamentable que Lugo e a Tinería sexa noticia polo abandono no quedou un barrio no que conflúen 3 elementos patrimonio da humanidade”. Acudiron ao acto o voceiro municipal do BNG-AA, Rubén Arroxo, e a parlamentaria do BNG na cámara galega, Olalla Rodil e demandaron máis atención por parte das administracións para a rehabilitación e rehabitación efectiva do barrio.
“PP e PSOE utilizan a Tinería para a confrontación entre Xunta e Concello pero dende que o BNG apostou pola rehabitación non se volveu facer nada no barrio” afirmou Arroxo que pediu “responsabilidade aos gobernos da Xunta e do Concello para axilizar todas as xestión necesarias para que os edificios que xa son propiedade das administracións poidan ser rehabilitados canto antes”. Rubén Arroxo puxo como exemplo un dos edificios máis simbólicos do barrio, a torre de San Miguel, antigo hospital de peregrinos un edificio cun alto valor patrimonial. Este edificio, igual que o Pazo de dona Urraca, xa son propiedade da Xunta e continúan deteriorándose ante a pasividade do goberno galego.
Olalla Rodil lembrou que dende que hai 9 anos e chegou Feijoo á Xunta abandonouse o proxecto iniciado polo BNG durante o goberno bipartito e sinalou que “nos orzamentos da Xunta para este ano 2018 non existe ningunha partida económica para actuar no barrio da Tinería” e criticou “a falta do compromiso do goberno do PP na Xunta con Lugo e dun proxecto político serío para o barrio da Tinería que podería converterse nun motor económico para cidade”.
“PP e PSOE utilizan a Tinería para a confrontación entre Xunta e Concello pero dende que o BNG apostou pola rehabitación non se volveu facer nada no barrio” afirmou Arroxo que lembrou as carreiras de atriles para dar roldas de prensa no barrio da Tinería na que competían a Alcaldesa e o Delegado da Xunta”. Arroxo anunciou que “o BNG seguirá traballando para que no barrio da Tinería se recupere o proxecto de rehabitación e rehabilitación iniciado durante o bipartito da Xunta”.