O BNG lembra que segue sen executarse o paso seguro no enlace do parque Marcos Cela coa Volta da Viña
“Este paso é usado por moitas persoas diariamente que se xogan o físico para poder atravesalo” dixo Rubén Arroxo
Lugo, 2 de febreiro de 2018. O BNG lembra unha vez máis a urxencia para darlle solución ao enlace entre o Parque Marcos Cela e o Miño a través da Volta da Viña. “Este paso é usado cada vez por máis persoas que se xogan o físico para poder atravesalo” dixo Rubén Arroxo, advertindo que nestes meses de inverno a cousa empeora dado que a pouca visibilidade da zona fai perigar máis se cabe o paso de peóns pola zona, tanto no sendeiro en si, polo risco de tropezos, como no cruce da incorporación dende a N-VI, pola ausencia de beirarrúa. Neste sentido o BNG lembra que tamén propuxeron hai varios meses a iluminación do sendeiro que vai dende a Volta da Viña ata a avenida de Magoi “a día de hoxe este paso é absolutamente escuro dende que se pon o sol”, argumentando ademais que é o paso máis curto entre o barrio da Ponte e Aceña de Olga e Magoi “a única alternativa é ir pola avenida República Arxentina, o cal provoca que para chegar á avenida de Magoi dende o Miño ou dende o barrio da Ponte haxa que dar un incremento de 730m” referiuse a isto o concelleiro nacionalista, explicando que o paso polo Parque Marcos Cela son 270m, mentres que rodeando pola República Arxentina chega ao kilómetro.
O portavoz do BNG lembrou que no expediente de crédito aprobado para executar no ano 2017 ía incluída unha partida para solucionar este enlace, adaptándoo cunha beirarrúa e un paso de peóns “xa hai un mes que rematou o 2017 e nada se fixo” ademais o propio voceiro nacionalista explicou que na xuntanza de portavoces deste venres, na cal se tratou a situación na que se atopan as partidas económicas aprobadas, a propia alcaldesa recoñeceu que non houbera avances significativos no último mes, polo que dende as filas do BNG entenden que este proxecto segue paralizado.