O BNG pregunta en que situación se atopa a eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra

Marmolería Albeiros
Marmolería Albeiros
O BNG pregunta en que situación se atopa a eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra

Rubén Arroxo sinalou que "hai 17 anos que se falaba xa de eliminar este tapón urbanístico, e a día de hoxe continua no mesmo lugar"

Lugo, 3 de agosto 2017. O BNG rexistrou unha serie de preguntas na comisión municipal de desenvolvemento sostible a respecto do tapón urbanístico que se atopa na rúa Fisterra no barrio de Albeiros, unha edificación que no seu día foi unha marmolería e que leva xa anos pechada. Dende a organización nacionalista explicaban que xa no ano 2000 a Deputación de Lugo anunciou que se ía encargar do seu derribo “hai 17 anos que se falaba xa de eliminar este tapón urbanístico, e a día de hoxe continua no mesmo lugar” sinalou Rubén Arroxo. Neste mesmo sentido o propio portavoz do BNG lembraba que hai un ano (en xullo do 2016) a Xunta de Galiza, a través da consellería de infraestruturas, actual propietaria desta vía, anunciaba que comprometía unha partida de 86.700€ para a execución de dita obra, co fin de negociar un convenio co Concello de Lugo para unha vez finalizada a obra darlle a transferencia da rúa á entidade local. Mais a realidade é que 13 meses despois sigue sen poñerse solución, “vemos un certo pasotismo tanto por parte da Xunta coma do Concello a respecto desta obra, polo que pedimos unha maior seriedade con este tema” dicía Rubén Arroxo á vez que consideraba que se trataba dunha execución cun custe económico baixo.

O concelleiro do BNG explicou que este é un elemento que crea problemas de mobilidade importantes no barrio de Albeiros, posto que as persoas que pasan por dita rúa teñen que cambiar de beirarrúa ou camiñar pola calzada, cuestión esta última cun perigo incrementado dado que o tráfico aumentou nos últimos anos por ser unha vía directa para conectar o polígono das Gándaras co barrio da Milagrosa e a avenida da Coruña.

 

Moción eliminación tapóns urbanísticos. O BNG lembrou que en xaneiro deste ano presentou unha moción no pleno municipal co fin de crear un plan para a eliminación de tapóns urbanísticos da cidade, moción que foi aprobada por unanimidade, mais a pesar diso dende o grupo nacionalista consideran que non se deu nin un só paso.

 

O BNG pregunta en que situación se atopa a eliminación do tapón urbanístico da rúa Fisterra