O BNG preguntoulle á Xunta polas conexións ferroviarias de Lugo co resto de cidades galegas
Cosme Pombo sinalou que Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Aragón e Madrid contan con trens de cercanías
Pombo dixo que a situación de Lugo, en canto ás conexións, ferroviarias é de clara discriminación e esto hai que reconducilo
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2016. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, preguntou en comisión parlamentaria polas intencións do goberno da Xunta en relación á mellora da sistema ferroviario para unir Lugo co resto das cidades galegas. O sistema de cercanias, a competitividade en frecuencias, tempo e custe; a intercomunicación entre vilas e cidades e o transporte de mercadorias que axude no desenvolvemento económico foron cuestións concretas polas que preguntou o parlamentario do BNG.
Pombo sinalou que o Goberno do Estado, en vez de promover e potenciar este medio de transporte, no caso de Galiza, está desmantelando os cativos servizos ferroviarios que tiñamos e negándonos os investimentos necesarios para acceder á modernización da rede ferroviaria galega. Para o BNG é necesaria unha rede compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías con dupla vía electrificada, que prime a mobilidade interior, con conexións axeitadas con Portugal e co resto do Estado.
Asturias, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Comunidade Valenciana, Murcia, Andalucía, Aragón e Madrid contan con servizos de tren de proximidade, do que carece Galicia, sendo a nosa a única comunidade litoral da España peninsular sen este sistema lembrou Pombo e explicou que non se trata só dunha cuestión nominal xa que o tren de proximidade (chamado Cercanías, Rodalies, Rodalia ou Aldiriak nos distintos territorios) ten un custe inferior para os usuarios e usuarias que unha viaxe equivalente nos servizos rexionais ou de media distancia cos que conta Galiza, adoita ofrecer máis frecuencias e, ademais, conta cunha maior protección ante posibles recortes.
O BNG ven defendendo, a través de diversas iniciativas, que Galiza non ficara á marxe da modernización ferroviaria que se levou a cabo no conxunto do Estado español nos últimos quince anos. A nosa aposta estivo e está a prol dunha rede ferroviaria, compatíbel para persoas viaxeiras e mercadorías, con dupla vía electrificada, que primara a mobilidade interior, con conexións axeitadas con Portugal e España. Durante estes últimos anos, na Galiza, só mellorou o ferrocarril no trazado A Coruña-Vigo, mais tamén con deficiencias nos horarios e na adecuación ás necesidades de traballadores e estudantes, suprimíndose servizos ás vilas intermedias.