A INICIATIVA RECLAMA Á XUNTA QUE LEXISLE CON CLARIDADE O DESENVOLVEMENTO DESTAS PLANTAS, GARANTINDO DISTANCIAS MÍNIMAS CON RESPECTO AOS NÚCLEOS DE POBOACIÓN
O BNG presenta mañá no Parlamento a súa proposta para regular a ubicación das plantas de biometano
A iniciativa reclama á Xunta que lexisle con claridade o desenvolvemento destas plantas, garantindo distancias mínimas con respecto aos núcleos de poboación
A veciñanza afectada polo proxecto de Coeses acudirá acompañada de Rubén Arroxo e concelleiros do BNG de Lugo para apoiar a iniciativa presentada por Montserrat Valcárcel
Lugo, 08 de xullo de 2025. O BNG presentará mañá no Parlamento de Galiza a iniciativa para reclamar á Xunta que lexisle e regule con claridade o desenvolvemento das plantas de biometano, garantindo distancias mínimas con respecto ás vivendas e núcleos de poboación. A proposta será defendida pola deputada nacionalista Montserrat Valcárcel, quen estará acompañada no Pazo do Hórreo por veciños afectados polo proxecto da planta de Coeses, así como polo Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e concelleiros do BNG.
Esta iniciativa no Parlamento dá continuidade ao traballo impulsado polo BNG no ámbito local. O pasado 29 de maio, o Pleno Municipal de Lugo aprobou unha proposta presentada polo grupo nacionalista na que se instaba á Xunta a afastar as plantas de biometano dos núcleos habitados e a lexislar o sector cun marco normativo claro e garantista. A iniciativa foi aprobada coa abstención do grupo municipal do PP e recollía as medidas que agora se defenderán no Parlamento.
"A presenza destas instalacións preto das vivendas supón un impacto brutal sobre a calidade de vida da veciñanza", explicou Valcárcel, quen xa mantivo encontros coa cidadanía afectada para presentar as medidas incluídas na iniciativa que se debaterá mañá. "Non estamos en contra da tecnoloxía, senón dun modelo que prioriza o beneficio económico sobre a saúde, o medio ambiente e o benestar das persoas", subliñou a deputada.
Actualmente hai numerosos proxectos de plantas de biogás-biometano en Galiza, polo que dende o BNG considérase necesario lexislar ao respecto para poñer límites en canto ao tamaño e aos límites que deben manter. A proposta do BNG recolle seis medidas fundamentais:
1. Establecer límites entre as plantas de biogás-biometano e núcleos de poboación e/ou vivendas habitadas, así como elementos patrimoniais ou bens naturais nun mínimo de 3.000 metros.
2. Establecer a distancia máxima entre a orixe dos materiais usados na dixestión, e a localización da planta en 20 quilómetros para residuos líquidos , e con carácter xeral a un máximo total de 50 quilómetros.
3. Limitar a capacidade das plantas de biogás-biometano e os seus procesos para evitar os danos ambientais e molestias á poboacións, a un volume máximo de 200.000 toneladas anuais.
4. Lexislar o sector establecendo unha serie de parámetros que deban cumprir as instalacións en canto aos materiais que entran como aos que saen.
5. Regular a xestión do dixestato xerado despois do proceso de biometanización.
6. Restrinxir a circulación de transporte pesado relacionado con estas instalacións, que non poderán transitar polos cascos urbanos e núcleos de poboación no rural.
Pola súa banda, Rubén Arroxo lembrou que "a Xunta debería seguir os pasos iniciados mesmo polo Partido Popular en Castela e León, que xa estableceron limitacións de proximidade entre estas instalacións e os núcleos habitados". O voceiro do BNG en Lugo subliñou que "non se pode repetir o modelo de macroproxectos pensados só para grandes intereses empresariais, sen pensar nas consecuencias sociais e ambientais".
A asistencia da veciñanza afectada ao Parlamento supón un novo paso na mobilización contra a planta de biometano proxectada en Coeses, e evidencia a preocupación crecente ante a proliferación deste tipo de instalacións sen unha regulación clara que priorice o interese xeral.