RUBÉN ARROXO E IRIA BUIDE ACHEGÁRONSE AO CASTIÑEIRO PARA COMPARTIR COA VECIÑANZA UNHA XORNADA DESTA PROPOSTA LÚDICO-EDUCATIVA, QUE PROMOVE O COÑECEMENTO DO XADREZ E DINAMIZA OS ESPAZOS PÚBLICOS

As actividades de xadrez na rúa consolídanse nos barrios de Lugo con gran participación veciñal

Rubén Arroxo e Iria Buide achegáronse ao Castiñeiro para compartir coa veciñanza unha xornada desta proposta lúdico-educativa, que promove o coñecemento do xadrez e dinamiza os espazos públicos

A praza do Castiñeiro continuará acollendo esta actividade durante a primeira quincena de xullo de luns a venres entre as 18.00 e as 20.00 horas

 

As actividades de xadrez na rúa consolídanse nos barrios de Lugo con gran participación veciñal

 

Lugo, 08 de xullo de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, achegáronse ao barrio do Castiñeiro para participar na actividade "Viaxe pola historia do xadrez", unha iniciativa posta en marcha pola área de Educación que busca achegar esta disciplina á rúa, promovendo a aprendizaxe e a participación veciñal.

 

Durante a primeira quincena de xullo, a praza do Castiñeiro convértese nun espazo de xogo e aprendizaxe onde a veciñanza pode desfrutar dun xadrez xigante, mesas de xogo e sesións de iniciación ao xadrez, de luns a venres entre as 18:00 e as 20:00 horas. A actividade é aberta e gratuíta para todas as idades.

 

"Contamos cunha programación para espallar a práctica do xadrez entre a veciñanza, con actividades abertas ao público no verán e tamén durante o curso nos centros de ensino", destacou Iria Buide, quen salientou que "a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir axilidade mental e habilidades sociais como a concentración, a toma de decisións ou a creatividade".

 

Pola súa parte, Rubén Arroxo puxo en valor a aposta do goberno local por "achegar actividades culturais e educativas aos barrios, transformando espazos públicos en lugares de encontro e aprendizaxe para todos os públicos".

 

A actividade "Viaxe pola historia do xadrez" forma parte dunha programación máis ampla promovida pola Concellería de Educación co obxectivo de democratizar o coñecemento e fomentar a participación cidadá a través de iniciativas formativas, lúdicas e interxeracionais.

As actividades de xadrez na rúa consolídanse nos barrios de Lugo con gran participación veciñal