MILITANTES E SIMPATIZANTES DO BNG APOIARON ÁS CANDIDATAS AO CONGRESO, MAITE FERREIRO, E AO SENADO PILAR PRIETO
O BNG presentou o cartaz co que pedirá o voto durante a campaña electoral ás eleccións xerais
Maite Ferreiro sinalou “a necesidade de que Galiza teña voz propia en Madrid para defender os intereses das galegas e dos galegos”
Lugo, 11 de abril de 2019. O BNG presentou nun acto a media tarde o cartaz co que pedirá o voto durante a campaña electoral ás eleccións xerais. “recuperar a voz propia en Madrid” é o obxectivo que Maite Ferreiro marcou como prioridade para o BNG para que “as galegas e galegos volvamos ter representación no congreso e no senado”. Militantes e simpatizantes do BNG apoiaron ás candidatas ao congreso, Maite Ferreiro, e ao Senado Pilar Prieto.
Na súa intervención, Maite Ferreiro apuntou que “a única forza que nos vai garantir iso é a presenza do BNG” e concretou “o voto ao BNG, ademais de garantir voz propia para Galiza, contribúe a garantir políticas sociais de esquerdas e facer posibel o que non se fixo: derrogar a reforma laboral, a lei mordaza”. Outra das nosas prioridades será velar polo cumprimento do pacto de estado contra a violencia de xénero.
Un BNG decisivo en Madrid
Maite Ferreiro sinalou que “no actual contexto, sen maiorías absolutas, un dous ou tres deputadas do BNG son máis útiles para Galiza que 23 baixo a dirección de Casado, Iglesias ou Sánchez”. “Se o BNG está en Madrid, Galiza tamén estará representada” concluiu Maite Ferreiro e sinalou que “todas as persoas que nos escoitan entenden que tanto Euskadi como Canarias tiveron a oportunidade de representar os seus intereses”.