O BNG PRESENTOU UNHA MOCIÓN DE URXENCIA DEMANDANDO NOVA POLÍTICA CONTRIBUTIVA NO CONCELLO DE LUGO
Os nacionalistas defenderán esta iniciativa no pleno do vindeiro día 3 de novembro ante a inoperancia do goberno local do PSOE que pretendía evitar o debate sobre as taxas municipais
Non vale o café para todos, non vale a conxelación dos impostos, non todos temos os mesmos recursos e por eso non todos podemos pagar o mesmo polos mesmos servizos dixo Paz Abraira
Lugo, 30 de outubro 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, deu conta da presentación dunha moción de urxencia para que, no pleno do vindeiro día 3 de novembro, se debata cal é modelo de política impositiva que debe ter o concello de Lugo. Para o BNG é prioritario que esta nova política contributiva atenda ás necesidades dunha sociedade afectada de maneira moi grave pola situación de crise económica e polas políticas neoliberais que se seguen a aplicar desde as administracións estatais e nacionais.
Para o BNG resulta inxustificable que o goberno mu
nicipal do PSOE non queira levar ao debate plenario as taxas e os impostos públicos municipais, segundo Paz Abraira esto demostra a incapacidade deste goberno para atender os problemas dos veciños e veciñas de Lugo. O BNG, en vista de que o asunto non figura na orde do día do pleno, presentou unha moción de urxencia para que o concello elabore unha nova política contributiva que favoreza aos que menos teñen e paguen menos impostos. Paz Abraira sinalou que non vale o café para todos, non vale a conxelación dos impostos, non todos temos os mesmos recursos e por eso non todos podemos pagar o mesmo polos mesmos servizos.
Paz Abraira explicou que as propostas do BNG teñen como obxectivo aplicar unha maior progresividade fiscal de xeito que pague máis quen máis ten e impulsar a actividade económica a partir das exencións, gravames, bonificacións e reducións posibles nas ordenanzas fiscais e nos prezos e taxas públicos.
Paz Abraira acusou ao goberno socialista de López Orozco de, por primeira vez en moitos anos, tratar de aprobar as taxas e os impostos municipais pola porta de atrás e se debate público. Abraira acusou ao alcalde de estar máis preocupado pola súa candidatura para as próximas eleccións municipais que polos problemas reais do concello e engadiu que é importante que os lucenses coñezan cal é política económica deste PSOE que se vende ao mellor postor en vez de tratar de solucionar os problemas dos lucenses.