O BNG presentou en Vilalba a súa proposta de lei de residencias
Olalla Rodil “a proposta do Bloque é humanizar os coidados nun sistema público, no que contemos con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas”
O BNG aposta por un modelo máis humano e potenciar o servizo público de residencias
Vilalba, 19 de marzo 2022.- O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe en Vilalba a súa proposición de lei para un novo modelo de residencias.
Contou coa participación da responsábel local do BNG, Mónica García, e a deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil.
A proposta do BNG vai encamiñada nun novo sistema de coidados ás persoas maiores para garantir unha vellez digna, e deixar atrás o modelo asentado en multinacionais ou entidades relixiosas que o Partido Popular está a desenvolver á fronte da Xunta de Galiza.
A deputada Olalla Rodil destacou que o BNG aposta por un modelo público, tanto na titularidade como na xestión “o obxectivo desta proposta do Bloque é humanizar os coidados nun sistema público, no que contemos con centros de menor tamaño e primando o benestar das persoas”
Rodil explicou que esta lei de residencias contará con todos os mecanismos de control para a garantir a transparencia da xestión como do funcionamento “a lei conta con ferramentas para a supervisión do funcionamento e calidade do servizo con todo o tipo de información para que calquera cidadán teña acceso; é fundamental para garantir ás usuarias e usuarios os seus dereitos”
O BNG desenvolveu esta proposta con achegas de persoas expertas tanto do ámbito académico como profesional, como Dolores Puga, científica no departamento de Poboación do CSIC; Xosé Manuel Carril, profesor titular da UDC na área de Dereito do traballo e seguridade social; María Ángeles Tortosa, profesora de Economía Aplicada na Universitat València ou Gerdt Sundström, catedrático emérito no Institute of Gerontology Jönköping University de Suecia e asesor do goberno sueco en materia de coidados e atención ás persoas maiores