VÍTOR REI: “DESDE O CONCELLO DÉBESE DAR MÁIS IMPORTANCIA AO MUSEO COMO PRINCIPAL VÍA PARA O COÑECEMENTO DA HISTORIA DA TERRA CHÁ”
O BNG propón aumentar os recursos económicos do concello no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía
“Débense aumentar as instalacións aos distintos restos arqueolóxicos de Vilalba”, indicou Rei
Vilalba, 8 de abril de 2019. Integrantes da candidatura do BNG ao concello de Vilalba visitaron as instalacións do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía. O candidato á alcaldía, Vítor Rei indicou que “desde o concello débese dar máis importancia ao museo como principal vía para o coñecemento da historia da Terra Chá”.
O BNG traslada esta proposta, que leva no seu programa de goberno ante a situación que vive esta instalación municipal. Nesta liña, desde a organización nacionalista, xa teñen advertido en varias ocasións da necesidade de incrementar os recursos económicos, técnicos e humanos neste museo, “non só no edificio, senón aumentando as súas instalacións aos distintos restos arqueolóxicos de Vilalba”, indicou Rei.
Esta instalación podería servir para o incremento da actividade turística na vila, mais a pouca publicidade que se lle dá e a necesidade de incrementar o horario de apertura son dúas eivas que dende a candidatura nacionalista cren que se debe mellorar.