GALIZA É PRODUTORA E EXPORTADORA DE ENERXÍA E AÍNDA ASÍ PAGAMOS UNHA DAS FACTURAS DA LUZ MÁIS CARAS DE EUROPA
A candidata do BNG ao Congreso, Maite Ferreiro, reclamou en Belesar “unha tarifa eléctrica galega”
“Das 44 centrais hidroeléctricas que funcionan no estado 31 están en Galiza e a riqueza que se produce non repercute no noso país” dixo Maite Ferreiro
Chantada, 7 de abril de 2019. A candidata do BNG ao congreso por Lugo, Maite Ferreiro, visitou o encoro de Belesar para reclamar “unha tarifa eléctrica galega que permita a implantación de empresas no noso país, que xeneren postos de emprego e que se remate coa sangría da emigración”. Ferreiro lembrou que o BNG leva anos reclamando a xestión pública de saltos como o de Belesar que foron pensados e feitos durante o franquismo para beneficio de uns poucos. A candidata do BNG estivo acompañada da parlamentaria Noa Presas e de ediles do BNG en Chantada e outros conellos do sur de Lugo.
Maite Ferreiro insistiu en que “é posible actuar dende as institucións para regular o mercado eléctrico” e lembrou que “das 44 centrais hidroeléctricas que funcionan no estado 31 están en Galiza e a riqueza que se produce non repercute no noso país”. Galiza exporta un 30% da enerxía que produce e, actualmente, xunto coa eólica, a enerxía hidráulica representa por volta do 65% de toda a que se produce no noso país. Ferreiro lembrou que “Belesar é un símbolo de cómo o fascismo lle roubou aos galegos a súa enerxía para regalarlle grandes beneficios a uns poucos que no día de hoxe seguen benficiandose daquel expolio”
Somos unha potencia produtora de electricidade mais aínda hai centros de traballo, explotacións gandeiras e milleiros de persoas pendentes do prezo dunha enerxía que lonxe de reverter en beneficio do país continúa a ser un negocio inmensamente lucrativo para un pequeno feixe de empresas foráneas. “Galiza é produtora e exportadora de enerxía e aínda así paga unha das facturas da luz máis caras de Europa. Somos unha potencia produtora de electricidade mais non o somos por decisión propia” dixo Ferreiro.