O BNG reafirma o seu apoio á comunidade educativa do IES de Becerreá na súa derradeira concentración deste curso
Participou a deputada no Parlamento galego, Carme Aira, xunto coa concelleira do BNG en Becerreá, Sabela Pérez e membros do BNG nos Ancares
Carme Aira “ desde o BNG continuaremos esixindo á Xunta de Galiza a que dispoña todos os recursos necesarios”
Lugo, 21 de xuño de 2022. O Bloque Nacionalista Galego participou na derradeira concentración deste curso pola defensa dun ensino digno nos Ancares organizada pola comunidade educativa do IES de Becerreá.
Esta mobilización é unha máis dentro das concentracións que levan desenvoltas durante todo este curso escolar por mor dos recortes en materias optativas de bacharelato no centro.
De novo, participou a deputada por Lugo no Parlamento galego, Carme Aira, xunto coa concelleira do BNG en Becerreá, Sabela Pérez e diversos membros da organización nos Ancares.
Carme Aira declarou “reafirmamos o noso apoio coas estudantes, coas nais e pais e co profesorado do IES de Becerreá, xa que non se pode tolerar máis os recortes no rural, o ensino é un dereito fundamental vivas onde vivas”
Neste senso, Carme Aira fixo fincanpé “desde o BNG continuaremos esixindo á Xunta de Galiza a que dispoña todos os recursos necesarios para que se imparta a asignatura de francés e diversas optativas no bacharelato”
A deputada do BNG destacou o esforzo da comunidade educativa para esixirlle á Xunta a que reverta os recortes no centro “levan un curso cheo de mobilizacións, semana tras semana, o que hai que agradecer a todas e todos por ese inmenso traballo para reverter esta inxustiza”