O BNG reclama ao goberno do estado unha solución para o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras
Alexandre Penas: “trátase dunha zona que leva abandonada moitos anos, polo que desde o BNG reclamamos que o Goberno recolla as solicitudes veciñais e actúe nesta zona urxentemente”
O concelleiro do BNG destacou que “esta instalación deportiva é usada día tras día por centos de persoas que merecen uns accesos dignos”
Lugo, 08 de maio 2022. O BNG de Lugo reclama ao goberno do estado unha solución para o aparcadoiro do campo de fútbol das Gándaras. O concelleiro do BNG, Alexandre Penas visitou a zona onde afirmou que “é preciso realizar un mantemento desta instalación canto antes, debido ao avanzado estado de desgaste no que se atopa”.
O concelleiro afirmou que “esta reclamación realízana constantemente moitas veciñas e veciños, que asisten a esta instalación deportiva habitualmente, e que non contan con accesos nin espazos de estacionamento dignos”.
Alexandre Penas explicou que ”desde as áreas de goberno que xestionamos desde o BNG tratamos de resolver as reclamacións que nos chegan, mellorando a calidade de vida da veciñanza no menor tempo posíbel”. Segundo o edil nacionalista, “o goberno ten que lembrar que Lugo existe e manter as súas instalacións nun bo estado de conservación”.