O BNG continúa a recollida de sinaturas para reclamar un tren digno para Lugo
Felipe Rivas: “continuaremos a recoller sinaturas ata finais de mes todos os mércores”
O BNG reclama con esta campaña “a mellora dos servizos ferroviarios, con conexións útiles para a veciñanza de Lugo”
Lugo, 06 de maio 2022. O BNG retomou a recollida de sinaturas dentro da campaña Lugo quere tren, campaña que busca “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”, segundo explicou Felipe Rivas. O BNG colocou a mesa de sinaturas esta tarde na estación de buses, achegando as propostas a todas as persoas que colleron un bus na tarde do domingo.
O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! o pasado mes de novembro, cunha concentración. Durante a campaña participaron, nas distintas actividades, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego. Desde o BNG continuarase a colocar a mesa de recollida de sinaturas todos os mércores ata final de mes
O responsábel local do BNG afirmou que “é preciso dotar Galiza de servizos ferroviarios dignos, con conexións interiores útiles pensadas para conectar ás galegas e galegos”.
O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Felipe Rivas afirmou que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”. Entre as reclamacións do BNG para Lugo Contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela. “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, afirmou Felipe Rivas.