O BNG reclama máis medios humanos e materiais para os servizos de extinción de incendios
O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañou ao parlamentario Xosé Luís Rivas “Mini”, na concentración convocada por Adega en apoio da veciñanza do Courel
O parlamentario do BNG trasladou todo o apoio e solidariedade ás persoas que traballan na extinción e ás veciñas e veciños afectados polas lapas
Lugo, 19 de xullo de 2021. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo asistiu á concentración en apoio á veciñanza do Courel xunto co parlamentario Xosé Luís Rivas “Mini”. O deputado nacionalista trasladou toda a solidariedade ás persoas afectadas, e mostrou o agradecemento do BNG ás persoas que traballan na extinción de lumes, facendo un labor durísimo as veces con consecuencias dramáticas.
“É importante que as veciñas e veciños afectados polo lume se vexan acompañadas polo conxunto das administracións, que deben prestar todo o apoio e colaboración para que recuperen as súas vivendas e que, máis alá da circunstancia de que teñan ou non seguro, conten co acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes poidan recuperar as súas casas e restablecer as súas vidas”, explicou o parlamentario.
O BNG puxo o foco na falta de medios de tal xeito que, en pleno 18 de xullo, hai brigadas antiincendios incompletas, -coa metade de efectivos dos que marca a normativa PLADIGA-, que aínda non se constituíran a maioría das brigadas municipais ou falten convenios cos concellos para dotalos de recursos básicos como a motobomba. Igualmente, denuncia que non haxa unha planificación dos puntos de carga para os hidroavións, “fallos que non se pode permitir un goberno”, afirmou Mini Rivas.
“Temos un Goberno do PP que continúa sen ordenar o territorio, sen limpar o monte, sen investimentos suficientes en prevención e cando chega o verán, -cada vez máis secos- repítese a vaga de lumes”, destacou o deputado do BNG.
O 90% do territorio é rural pero unha gran parte abandonado, só un 3,9% da superficie agraria se destina a producir alimentos de consumo humano, fronte ao 25,5% de media estatal. Por contra, un 20% con foresta maioritariamente con especies pirofóricas, “hai que equilibrar e reordenar o territorio, con políticas que poñan o País a producir e combatan o abandono e a despoboación do rural”, afirmou Rivas. O deputado do BNG tamén fixo fincapé en que esas medidas estruturais son máis urxentes e necesarias ca nunca cando estamos nun contexto de emerxencia climática.