“O GOBERNO MUNICIPAL NON ATENDE DEMANDAS SINXELAS QUE MELLORARÍAN A CALIDADE DE VIDA DUN IMPORANTE COLECTIVO DE PERSOAS” DIXO FERREIRO
O BNG reclama a posta en marcha dunha APP para persoas xordas que se acordou fai dous anos
Maite Ferreiro lembrou que no mes de xullo de 2016 “aprobouse unha iniciativa no pleno, o goberno non fixo nada e xa van máis de dous anos”
Lugo, 4 de agosto 2018. O BNG lembrou, a través da edil Maite Ferreiro, que o Concello de Lugo continúa sen poñer en funcionamento unha aplicación para teléfonos móbiles de cara a que as persoas xordas se poidan poñer en contacto con servizos como bombeiros ou policía local, en caso de emerxencia de forma totalmente independente, unha demanda existente neste colectivo e que avanzaría nas ferramentas de inclusión no concello.
Dende o grupo do BNG asegúrase que non existe ningunha complicación técnica para levalo a cabo, dado que se están a aplicar noutros concellos do estado “Exemplos como Syspol092 ou SOR-POL, por citar algúns, son app´s creadas nos concellos de Elche e Fuenlabrada, respectivamente e que amosan a viabilidade deste proxecto” explicou a voceira do BNG-AA no concello de Lugo.
Estas aplicacións teñen un funcionamento bastante semellante ao que poida ser as populares Whatsapp ou Telegram, dado que as persoas se poderán comunicar cos servizos de policía e bombeiros por vía escrita, enviar fotos da situación e dar a localización GPS. Ademais, en palabras do grupo municipal, isto sería un custo moi pequeno ao lado do servizo que ofrece, xa que lles dá total autonomía a estas persoas, non tendo que depender doutras, derribando así unha barreira máis e creando igualdade de atención entre veciñas e veciños do concello neste ámbito.
Maite Ferreiro lembrou que, no mes de xullo de 2016 “aprobouse unha iniciativa no pleno pero o goberno non fixo nada” e engadiu “a día de hoxe as persoas xordas non se poden comunicar cos servizos de bombeiros e policía local en caso de emerxencia, esta fórmula sería a solución”. Ferreiro sinalou que “é preciso que as institucións aproveiten as solucións que nos dan as novas tecnoloxías para poder mellorar e facilitar a vida das persoas”.