O BNG RECLAMALLE AO CONCELLO QUE IMPULSE, XUNTO COA DEPUTACIÓN, UN SISTEMA ALTERNATIVO A SOGAMA
Abraira afirmou que a quen vivimos en Lugo saennos moi caros os paseos do imputado Orozco co dimitido Luis Lamas
O BNG presentou unha iniciativa pedindo que o concello interpoña recurso contra a resolución da Xunta que incrementa as taxas de SOGAMA
Lugo, 22 de xaneiro de 2015. O BNG levará ao pleno do día 2 de febreiro unha iniciativa para reclamar que o concello de Lugo interpoña recurso contencioso-administrativo contra a Resolución da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de 15 de decembro, pola que se estabelecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos e se solicite a suspensión cautelar desta entanto non haxa un pronunciamento xudicial firme. Paz Abraira reclamou que o goberno municipal impulse, en colaboración coa Deputación provincial, un tratamento alternativo a SOGAMA para o Concello de Lugo.
Ademais, a través desta iniciativa, os nacionalistas instan ao Goberno galego a restaurar o diálogo e o respecto á autonomía local no funcionamento de SOGAMA. O BNG pretende que o goberno galego colabore economicamente cos concellos da Galiza que pretendan impulsar tratamentos alternativos a SOGAMA e que estean baseados no fomento da redución, a reutilización, a reciclaxe e a compostaxe fronte á incineración.
A voceira nacionalista afirmou que a quen vivimos en Lugo saennos moi caros os paseos do imputado Orozco co dimitido Luis Lamas e engadiu que o concello, como institución debe rebelarse contra as decisións inxustas que perxudican os intereses das veciñas e veciños de Lugo. Parece que a Orozco lle gustaba máis pasear co presidente de SOGAMA e vistar composteiros que defender os intereses municipais sentenciou Abraira. Paz Abraira lembrou que o BNG ten insistido neste asunto e que a prinicipio deste ano a corporación aprobou unha moción do BNG neste mesmo sentido e o goberno municipal non fixo absolutamente nada.
Paz Abraira informou que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de publicar a Resolución de 15 de decembro, pola que se establecen as condicións para a adhesión ao sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional de residuos domésticos e esta disposición é consecuencia da subida unilateral do canon satisfeito polos concellos polo tratamento do lixo que se encomenda a SOGAMA, un incremento que tivo contestación por parte de moitos concellos da Galiza, ao ser unha medida unilateral imposta nunha norma orzamentaria sen negociación previa.
Para o BNG, a Xunta debera estar, nestes momentos, traballando para fomentar alternativas a SOGAMA e colaborar e dialogar neste ámbito. Pola contra, comprobamos como pretenden continuar coas imposicións autocráticas e intentan frustrar as alternativas que neste ámbito puideren xurdir dixo Abraira.