O BNG recolle sinaturas para reclamar a modificación do trazado da Rolda Leste

Felipe Rivas: “se este proxecto continúa sen modificacións, implicará unha enorme destrucción de terreo natural na contorna do Río Rato”

O BNG pide o apoio da veciñanza para solicitar á Xunta a modificación do trazado do vial

O BNG recolle sinaturas para reclamar a modificación do trazado da Rolda Leste

Lugo, 14 de febreiro de 2023. O BNG colocou esta tarde unha mesa informativa sobre a Rolda Leste na rúa da Raíña. O responsábel local, Felipe Rivas, explicou que o proxecto actual terá unha importante afectación na biodiversidade da contorna do Río Rato.  Segundo Rivas, “este proxecto suporá na contorna do río Rato a destrución de máis dun kilómetro de terreo, terreo que da forma ao cinto verde de Lugo, algo co que moitas cidades quererían contar e que contribúen a que Lugo sexa a única cidade do estado que ten terreos declarados reserva da biosfera”

Segundo Felipe Rivas, “sería impensable hoxe repetir o debate de hai 100 anos sobre derrubar a muralla, pero é algo similar ao que a Rolda Leste suporá para o río Rato, poñendo sobre a mesa a destrución de parte das zonas verdes da cidade”. "Estamos mantendo xuntanzas con diversos colectivos que nos expresan a súa preocupación" manifestou o voceiro do BNG e engadiu "o debate está aberto e temos claro que a necesidade deste vial é moi relativa". A Rolda Leste afectará aproximadamente a 1 km de carballeiras no entorno do río Rato, o que suporá unha afectación severa á periferia da cidade de Lugo.
A Xunta pretende a construción deste vial con 2,8 km entre a LU-530 e a N-VI. Esta infraestrutura, que contará con dúas calzadas de dous carrís, con mediana de separación entre eles e importantes estruturas na execución do seu percorrido, afectará ás carballeiras do río Rato e tamén á parroquia de Bosende. Preténdese pechar un cinto de circunvalación de Lugo que, en moitos casos, duplicará os actuais accesos cara ao hospital Lucus Augusti. O obxectivo é aprobar na primavera de 2023 o expediente de información pública e o proxecto de trazado, convocar no outono os actos expropiatorios, e ao tempo traballar no proxecto de construcción para, finalmente, proceder á licitación das obras da Rolda Leste.

O BNG recolle sinaturas para reclamar a modificación do trazado da Rolda Leste