“UNHA ZONA PÚBLICA DE BAÑO, A PEONALIZACIÓN DO TRAMO DA MOSQUEIRA OU UN XULGADO DE VIOLENCIA DE XÉNERO DEBERÍAN SER OBXECTIVOS PARA ESTE ANO” DIXO MAITE FERREIRO
O BNG recoméndalle á alcaldesa que aproveite a visita dos Reis Magos para pedir cousas para Lugo
A edil do BNG sinalou que “iniciamos o ano 2019 cuns orzamentos prorrogados e sen proxectos para o Concello”
Lugo, 4 de xaneiro de 2019. A edil no concello de Lugo, Maite Ferreiro, suxeriulle á alcaldesa que “aproveite a visita dos Reis Magos para pedir cousas que Lugo ten pendentes e que está claro que o goberno municipal non ten capacidade para executar”. A edil do BNG fixo un repaso por cuestións que non foron postas en marcha neste mandato e sinalou “unha zona pública de baño, a peonalización do tramo da Mosqueira ou un Xulgado de Violencia de Xénero deberían ser obxectivos para este ano” dixo Maite Ferreiro.
A edil do BNG sinalou que “iniciamos o ano 2019 cuns orzamentos prorrogados e sen proxectos para o Concello” e engadiu “chegamos ao final do mandato igual que empezamos, foron catro anos perdidos pola falta de decisión e de execución do goberno municipal”. Ferreiro referiuse, tamén, aos fondos europeos do programa EDUSI que “se quedaron en anuncios e proxectos pero a realidade é que dos 12,5 millóns de euros os que se dispoñía non se executou nada”.
“O goberno non foi capaz nin de elaborar un proxecto de orzamentos para presentalo antes de final de ano tal e como estipula a lexislación” explicou Maite Ferreiro. O decreto de prorroga dos orzamentos de 2018 a 2019, asinado pola edil de económica o pasado día 2 de xaneiro, indica que “para este ano nin hai proposta de orzamentos nin está previsto que teñamos” afirmou Ferreiro.