OLALLA RODIL DESTACOU O POTENCIAL DO CAMPUS TERRA EN INVESTIGACIÓN E TRANSFERENCIA DE COÑECEMENTO E RECLAMA MEDIDAS QUE GARANTAN O ACCESO Á VIVENDA DO ESTUDANTADO
O BNG reforza o seu compromiso coa defensa e o futuro do Campus Terra
A formación nacionalista abordou co Vicerreitorado da USC a necesidade de garantir as titulacións estratéxicas e adaptar os criterios de alumnado á realidade demográfica de Lugo
Olalla Rodil destacou o potencial do Campus Terra en investigación e transferencia de coñecemento e reclama medidas que garantan o acceso á vivenda do estudantado
Olalla Rodil destacou o potencial do Campus Terra en investigación e transferencia de coñecemento e reclama medidas que garantan o acceso á vivenda do estudantado
10 xul. 2026 - 13:25
Lugo, 10 de xullo de 2026. As deputadas e deputados do BNG no Parlamento Galego Olalla Rodil, Montserrat Valcárcel, Iago Suárez e Daniel Castro mantiveron unha reunión de traballo co equipo do Vicerreitorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, na que abordaron os principais retos de futuro do Campus Terra e do sistema universitario público galego.
No encontro participaron tamén responsables das áreas de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Cultura, coas que a representación nacionalista compartiu preocupacións e liñas de traballo arredor do futuro do Campus Terra, o reforzo da investigación e a transferencia de coñecemento, así como as dificultades de acceso á vivenda que afectan ao estudantado universitario.
A deputada do BNG Olalla Rodil destacou que para a formación nacionalista “o fortalecemento do sistema universitario público galego e, particularmente, a defensa e a blindaxe do Campus Terra son unha prioridade”, unha cuestión sobre a que o BNG leva anos traballando e impulsando iniciativas no Parlamento Galego.
Un dos asuntos centrais da reunión foi a necesaria reforma do Decreto 222/2011, que regula as ensinanzas universitarias oficiais e establece os criterios mínimos de alumnado para o mantemento das titulacións. Rodil lembrou que a Xunta se comprometeu en 2023 a modificar esta normativa e defendeu a necesidade de adaptar os criterios á realidade demográfica e ás características específicas dos campus periféricos.
“O BNG segue insistindo en que é fundamental e imprescindible reducir o mínimo de 45 estudantes esixido para manter as titulacións”, afirmou Rodil, quen advertiu de que a evolución demográfica non permite aplicar os mesmos criterios de maneira uniforme sen poñer en risco estudos fundamentais para Lugo e para Galiza.
Neste sentido, a deputada nacionalista puxo o foco na importancia estratéxica das titulacións vinculadas ás enxeñarías técnicas e aos ámbitos agrario e forestal, que constitúen unha parte esencial da identidade e especialización do Campus Terra. “Son titulacións fundamentais para a cidade, para a provincia e para o conxunto do país, polo que a normativa debe adaptarse para garantir a súa continuidade”, sinalou.
Durante a reunión, as deputadas e deputados nacionalistas tamén se interesaron polos novos proxectos nos que está a traballar o Campus Terra e polas perspectivas para continuar reforzando Lugo como referente na investigación vinculada ao territorio e aos sectores produtivos.
Rodil reafirmou o compromiso do BNG con dotar o Campus de Lugo dos recursos e das estruturas necesarias para avanzar na investigación de excelencia e consolidar a súa posición como polo científico e de innovación ao servizo do desenvolvemento económico e social de Lugo e de Galiza.
O acceso á vivenda, unha barreira para o estudantado
Outro dos asuntos abordados foi a crecente dificultade de acceso á vivenda, un problema que afecta á mocidade en xeral e, de maneira especial, ao alumnado universitario.
Rodil explicou que durante o encontro se analizaron posibles medidas e iniciativas que o BNG trasladará ao Parlamento galego para reclamar ao Goberno da Xunta que actúe ante esta situación. “É necesario garantir que todas as persoas poidan acceder á formación universitaria e facelo en condicións de equidade e xustiza social”, afirmou.
A deputada nacionalista cualificou a reunión de “moi frutífera” e avanzou que o diálogo e o traballo conxunto continuarán de maneira periódica. “Ao BNG e ao Vicerreitorado únenos a defensa dunha universidade pública galega da máxima calidade e, especialmente, a defensa do Campus Terra, da súa autonomía e dos recursos que precisa para continuar facendo desde Lugo a mellor docencia e ciencia de calidade”, concluíu Olalla Rodil.