O BNG rexistra unha moción para solicitar ao goberno que renuncie á proposta de instalar peaxes nas autovías
Rubén Arroxo: “esta medida pon barreiras económicas no acceso a servizos básicos como as infraestructuras”
A proposición enmárcase dentro da campaña presentada pola organización nos pasados días, que inclúe accións institucionais e sociais
Lugo, 12 de maio de 2021. O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha proposición para o vindeiro pleno municipal na que se solicita ao goberno central que renuncie á proposta de instalar peaxes nas autovías galegas. O portavoz municipal e Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que “o goberno do estado quere levar adiante unha medida regresiva, que vai establecer barreiras económicas no acceso a un servizo básico como son as infraestruturas”.
A proposición, que se enmarca dentro da campaña de accións sociais e institucionais presentada polo BNG nos últimos días, destaca “o caracter regresivo e o impacto negativo que esta medida tería para as galegas e galegos, mermando a competitividade do tecido empresarial do país, e reducindo a seguridade viaria, ao non contarmos con comunicacións dignas co resto de Galiza”, explicou o edil nacionalista.
“Desde o BNG sempre estivemos en contra desta medida, que supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza”, explicou Rubén Arroxo en relación á proposta do BNG aprobada polo Parlamento Galego no ano 2019, despois do primeiro anuncio realizado polo goberno do estado, onde se manifestaba unha rotunda oposición ao establecemento de peaxes nas autovías de titularidade estatal.