OLALLA RODIL: "A XUNTA DE GALIZA TEN QUE LIDERAR UNHA RESPOSTA DIANTE DOS INCUMPRIMENTOS DE ALCOA, QUE NON ESTÁ A REALIZAR OS INVESTIMENTOS COMPROMENTIDOS NIN TAMPOUCO REACTIVANDO AS CUBAS E SI ESTÁ LANZANDO AMEAZAS DE PECHE"
O BNG solicita a convocatoria urxente da Deputación Permanente do Parlamento de Galiza en relación ao proceso de ALCOA
"Desde o BNG solicitamos a convocatoria urxente da Deputación Permanente para que a Xunta de Galiza dea explicacións das medidas que vai adoptar para garantir o mantemento dos postos de traballo e da actividade industrial na factoría de San Cibrao", explicou Olalla Rodil
Olalla Rodil: "A Xunta de Galiza ten que liderar unha resposta diante dos incumprimentos de Alcoa, que non está a realizar os investimentos compromentidos nin tampouco reactivando as cubas e si está lanzando ameazas de peche"
Lugo, 23 de xaneiro de 2024. A candidata do BNG, Olalla Rodil, lembrou que "a empresa estadounidense acordou coas traballadoras e traballadores rearrancaría 32 cubas de electrólise a partir de xaneiro para culminar co acendido das 512 da factoría no outono de 2025 e acaba de comunicar ao comité de empresa que apraza ese compromiso despois de adiar xa o investimento no forno de anódos que tampouco fixo. O BNG resalta que "unha empresa multinacional non pode ningunear un goberno e Alcoa leva moitos anos ameazando o futuro industrial da Mariña, de Lugo e de Galiza".
"Cómpre lembrar que a planta de aluminio de San Cribrao é a única de todo o estado, dá emprego a máis de 500 persoas e representa ⅓ do PIB da provincia. Nin A Mariña, nin Lugo nin Galiza pode perder unha industria desta embergadura" dixo Rodil e engadiu "oor iso desde o BNG insistimos en que a Xunta de Galiza debe porse ao frente, exercer as súas competencias en materia industrial e demandar, tanto da empresa como do Goberno central, o cumprimento dos acordos asinados por Alcoa en San Cibrao, o mantemento da actividade industrial e, por suposto, dos postos de traballo".
O BNG considera é hora de que os gobernos, galego e español, busquen unha solución definitiva ao futuro da produción de aluminio en Galiza e acaben con esta lenta agonía que levan soportando tantos anos os traballadores e traballadoras de Alcoa e o conxunto da comarca. Desde o BNG queremos reiterar o noso compromiso firme co mantemento da produción de aluminio en San Cibrao e cos postos de traballo en Alcoa e por iso insistimos en que, se o BNG goberna a Xunta de Galiza a partir das eleccións do 18 de febreiro, esixiremos á empresa o cumprimento dos investimentos e impulsaremos, se é necesaria, a intervención pública da fábrica para garantir a súa continuidade. "Galiza debe gañar músculo industrial, non perder o pouco que lle queda" sentenciou Olalla Rodil que mantivo no día de onte unha xuntanza co comité de empresa, xunto ao representante do BNG no congreso Nestor Rego.