O BNG RECLAMA CUBRIR DE INMEDIATO AS DÚAS PRAZAS MÉDICAS VACANTES NO CONCELLO
O BNG solicita un pleno extraordinario en Cervantes para abordar a grave situación sanitaria que vive este concello
O BNG reclama cubrir de inmediato as dúas prazas médicas vacantes no concello
Cervantes, 3 de febreiro de 2026.– O BNG de Cervantes ven de rexistra unha solicitude formal dirixida ao alcalde do Concello de Cervantes para a celebración dun pleno extraordinario co obxectivo de abordar de maneira monográfica a situación da sanidade pública no municipio.
A iniciativa prodúcese despois de que se fixese pública a vacante dunha das dúas prazas médicas do Centro de Saúde de San Román, sen que a Consellería de Sanidade expresase a súa intención de proceder á súa cobertura. Segundo a información coñecida, o servizo podería pasar a prestarse de maneira eventual, o que suporía un novo recorte na atención sanitaria do concello.
Esta situación engádese á praza vacante en Doiras desde 2024, que continúa sen cubrir malia as reiteradas promesas realizadas. Deste xeito, Cervantes pasou de contar con tres prazas médicas cubertas a ter unha única praza estable e dúas vacantes, un escenario especialmente preocupante nun concello caracterizado polo forte envellecemento da poboación e pola elevada dispersión xeográfica, factores que incrementan os tempos de desprazamento e a dependencia dunha atención sanitaria próxima e estable.
Dendo O BNG advirten ademais de que a situación podería agravarse no caso de que a profesional que actualmente ocupa a única praza cuberta decida xubilarse, deixando o concello nunha situación de absoluta precariedade asistencial.
Na súa solicitude, o BNG demanda non só a convocatoria do pleno extraordinario, senón tamén que se permita a intervención dun portavoz daqueles colectivos veciñais que así o soliciten, co fin de que a corporación municipal coñeza de primeira man as dificultades que está a sufrir a veciñanza.
A proposta inclúe dous puntos de acordo concretos: instar á Xunta de Galiza a cubrir de inmediato as dúas prazas de persoal facultativo vacantes en Cervantes e dar traslado do acordo á Consellería de Sanidade, ao Sergas, ao Parlamento de Galicia e aos grupos parlamentarios galegos.
O BNG considera que a defensa da sanidade pública no rural require dunha resposta institucional clara e dun posicionamento firme do Concello de Cervantes en defensa dos dereitos da súa veciñanza.