ARROXO: “TRANSMITIMOS TOTAL COLABORACIÓN CO GOBERNO GALEGO PARA QUE SE POIDA REMATAR O ARRANXO O ANTES POSIBLE”
O BNG esixe máxima celeridade e recursos para a reparación da Muralla de Lugo tras o derrubamento
Rubén Arroxo e Olalla Rodil reclaman colaboración interinstitucional e o cumprimento do Plan Director durante todo o ano
Arroxo: “Transmitimos total colaboración co Goberno galego para que se poida rematar o arranxo o antes posible”
Arroxo: “Transmitimos total colaboración co Goberno galego para que se poida rematar o arranxo o antes posible”
11 feb. 2026 - 11:12
Lugo, 09 de febreiro de 2026. O portavoz de BNG de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado das deputadas no Parlamento Galego, Olalla Rodil e Montse Valcárcel, xunto a representantes do partido, achegáronse este luns ata o lugar do derrubamento da Muralla de Lugo para comprobar in situ o estado do monumento e informar sobre as actuacións que se impulsarán desde a formación nacionalista.
Rubén Arroxo subliñou que, tras o derrubamento ocorrido o sábado pola noite, a prioridade é transmitir “a total colaboración” co Goberno galego para que, “na medida do posible, se lle dea a máxima celeridade aos traballos e se poida rematar o arranxo o antes posible”. Arroxo destacou que a Muralla é “o gran elemento” da cidade de Lugo, polo que a súa conservación e mantemento deben ser “absolutamente prioritarios”.
O portavoz e Tenente Alcalde de Lugo incidiu tamén na necesidade de dotar a Muralla dos medios axeitados, xa que existen condicións “claramente mellorables”. Neste sentido, referiuse ás reiteradas queixas pola falta de limpeza e retirada de herbas, “que non son pequenas nin recentes, senón de todo o ano”, algo que afecta tanto á conservación como á estética do monumento.
Ademais, lembrou episodios recentes de falta de mantemento, como o apagado das luces da Muralla días antes da celebración do seu 25 aniversario como Patrimonio da Humanidade. Arroxo recalcou que a Muralla é empregada a diario pola cidadanía “como unha rúa máis”, para camiñar ou facer deporte, polo que é fundamental garantir o seu bo estado.
Pola súa banda, a deputada Olalla Rodil explicou que a visita tiña como obxectivo comprobar sobre o terreo o derrubamento e verificar o cumprimento do compromiso do conselleiro de que as obras comezarían hoxe. Así mesmo, indicou que se puxeron en común coa Tenencia de Alcaldía as medidas a seguir e as actuacións que se poderán trasladar ao Parlamento Galego, reiterando reitrou a vontade de colaboración interinstitucional.
A deputada destacou que a Muralla é “o emblema e o Patrimonio da Humanidade de Lugo”, pero tamén un símbolo para o conxunto de Galiza, polo que debe ser unha prioridade absoluta. Rodil avanzou que tanto ela como Montse Valcárcel estarán “moi vixiantes” no Parlamento para esixir que se dote ao monumento de todos os recursos humanos, materiais e económicos necesarios para a súa reparación, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.
Ademais, anunciou un seguimento rigoroso do cumprimento do Plan Director da Muralla, que contempla a súa conservación ao longo de todo o ano, co obxectivo de que este monumento bimilenario estea nas mellores condicións posibles para resistir o impacto climatolóxico. “Desde o BNG imos manternos vixiantes para que a Xunta cumpra”, concluíu.