O BNG en Vilalba activa a campaña “Mellor Local, Mellor Galego” en apoio ao comercio de proximidade
Participou a deputada por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, xunto con membros do BNG en Vilalba
Mónica García, responsábel local do BNG “o comercio local supón tamén garantir a vida da vila como tamén do noso rural, é un piar básico”
Vilalba, 14 de decembro 2022.- O Bloque Nacionalista Galego pon en marcha a campaña “Mellor Local, Mellor Galego” coa que a organización nacionalista anima á veciñanza a consumir nestas datas festivas, mais tamén no resto do ano, e a apoiar á produción galega e ao comercio de proximidade.
Esta dinámica conforma un xeito de consumo responsábel, que dinamiza a economía local e ademais é respectuosa co medio ambiente. Por isto, o BNG aposta por incentivar a compra de produtores locais e galegos, a recuperación dos mercados municipais e tradicionais, a promoción alternativa e ecolóxica ou a promoción de axudas para implantar ou mellorar estabelcementos que comercialicen produtos autóctonos.
A deputada por Lugo no Parlamento galego, Olalla Rodil, participou nesta presentación xunto con membros do BNG en Vilalba e destacou a importancia de defender o comercio tradicional “Vilalba é o epicentro comercial da Terra Chá, onde a calidade está garantida, mais cómpre fomentar o consumo nas tendas de barrio e de proximidade, xa que estamos deixando a riqueza no País e fomentando a creación de emprego e o dinamismo económico e social da contorna”
De igual xeito, a responsábel local do BNG en Vilalba, Mónica García, sinalou a importancia do comercio de proximidade “o comercio local supón tamén garantir a vida da vila como tamén do noso rural, é un piar básico” e subliñou “por isto animo a toda á veciñanza a que nestas datas consuma produto galego e vilalbés”