OLALLA RODIL: "ESIXIMOS Á XUNTA DE GALIZA QUE CUBRA DE FORMA INMEDIATA A PRAZA DE MÉDICO NO CONSULTORIO DE DOIRAS E AO PP QUE DEIXE DE MENTIRLLE Á VECIÑANZA"
O BNG volvera levar ao Parlamento galego á situación do consultorio de Doiras
Olalla Rodil: "Esiximos á Xunta de Galiza que cubra de forma inmediata a praza de médico no consultorio de Doiras e ao PP que deixe de mentirlle á veciñanza"
Cervantes, 17 de outubro de 2024.- O Bloque Nacionalista Galego presenta no Parlamento galego, a través da súa deputada Olalla Rodil, unha batería de preguntas ante as mentiras do PP sobre a reapertura do consultorio de Doiras.
Ao longo do verán tanto a Xunta de Galiza como o Partido Popular en Cervantes insistiron en asegurar que atención médica volvería a Doiras ao rematar o verán, porén, isto non aconteceu. Ao rematar setembro o Partido Popular de Cervantes aseguraron que o consultorio reabriría dende o sete de Outubro contando cunha médica ou cun médico, e con servizo de enfermería. Sen embargo isto non aconteceu. Despois a Consellaría anunciou a apertura martes e venres nesa segunda semana de Outubro, mais o venres desa semana xa non houbo atención médica. A isto súmaselle que a atención dunha médica o martes foi en detrimento do centro de saúde de San Román que contou cunha facultativa menos. Unha situación que parece que a Xunta de Galiza ten intención de repetir. Desta forma non só non se cubre a vacante de Doiras, senón que se reduce a atención médica en San Román. "Din unha cousa e fan outra e aínda por riba destapan unha perna para tapar outra" explica a deputada nacionalista.
Olalla Rodil indicou que "é evidente que a Xunta de Galiza e o PP incumpriron as promesas feitas á veciñanza de Doiras e, en xeral, do Concello de Cervantes". Unha poboación tremendamente prexudicada pola falta de asistencia médica no seu centro de referencia ao verse na obriga de percorrer máis de 20 quilómetros até o lugar de San Román para poder ser atendida por unha persoa facultativa.
"Desde o BNG insistimos no dereito da poboación de Doiras e do conxunto da montaña de Lugo a contar cunha asistencia sanitaria digna, próxima e da máxima calidade", esixe a deputada nacionalista.