RODIL: "O PARTIDO POPULAR NON AMOSA NINGÚN COMPROMISO CON LUGO NIN CO SEU PATRIMONIO, A SÚA ÚNICA PROPOSTA COÑECIDA É CONVERTER UN EDIFICIO SINGULAR EN ALOXAMENTOS"

O BNG solicita á Xunta que cumpra o seu compromiso co cuartel de San Fernando en Lugo

IMG_0019

A deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, culpou á Xunta da situación de deterioro deste emblemático edificio catalogado como BIC

Rodil: "O Partido Popular non amosa ningún compromiso con Lugo nin co seu patrimonio, a súa única proposta coñecida é converter un edificio singular en aloxamentos"

 

O BNG solicita á Xunta que cumpra o seu compromiso co cuartel de San Fernando en Lugo

 

Lugo, 17 de outubro de 2024. A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acompañada por representantes do corporación municipal do BNG, denunciou a situación de deterioro do cuartel de San Fernando, un ben emblemático e catalogado como Ben de Interese Cultural no centro da cidade de Lugo. Rodil criticou o abandono prolongado desta infraestrutura, que presenta un estado de deterioro cada vez máis grave.

Rodil subliñou que "a Xunta de Galiza é a principal responsable" desta situación, lembrando que o Concello de Lugo ofreceu a cesión do cuartel á Xunta co compromiso de darlle un uso adecuado. "Vinte anos despois, seguimos igual ou peor", denunciou a deputada, apuntando que o goberno galego "non amosa ningún compromiso coa cidade nin co seu patrimonio". Neste sentido, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego unha nova iniciativa para aclarar os usos previstos para este edificio no futuro; entre outras cuestións relativas á cidade como a creación no Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería, dunha sede do CGAC.

A conversión do espazo nun Centro de Interpretación Galaicorromano, segundo Rodil, permitiría destacar a orixe romana de Lugo e o seu rico patrimonio, ademais de ofrecer un foco de dinamización social, cultural e económica, promovendo un espazo de encontro que reforzaría a oferta turística e cultural da cidade lucense.

A deputada denunciou ademais a parálise e falta de ideas do goberno da Xunta, cualificando o estado do cuartel de San Fernando como unha metáfora da súa mala xestión. "Un goberno sen iniciativa, que se dedica a facer propaganda e a culpar aos demais en lugar de afrontar os problemas", sinalou, lembrando tamén as promesas incumpridas do Partido Popular, que en diferentes ocasións anunciou a conversión do edificio nun parador sen que tal proxecto se materializase.

 

Mellora da contorna

Rodil insistiu na urxencia de actuar para frear o deterioro do cuartel, especialmente agora que o Concello de Lugo investiu na mellora da contorna, con novas medidas de peonalización que embelecen e fan máis accesible o espazo. "Desde o BNG sempre defendemos a súa recuperación, e agora é máis necesario que nunca para evitar que os danos vaian a máis", concluíu, reiterando o compromiso da formación nacionalista coa posta en valor do patrimonio de Lugo e a súa revitalización cultural e social.

O BNG solicita á Xunta que cumpra o seu compromiso co cuartel de San Fernando en Lugo