O BNG volverá preguntar polas medidas para evitar inundacións polas trombas de auga
“Estamos a falar de 4 ou 5 puntos da cidade moi concretos nos que se repite sempre esta situación, polo que o que se precisa é unha serie de intervencións moi específicas”
Lugo, 2 de xullo de 2018. As trombas destes últimos días volveron causar problemas nos puntos da cidade onde sempre se reiteran, como son na avenida da Coruña á altura da Piringalla, en Fontiñas, na Tinería e en varios puntos de Aceña de Olga e Augas Ferreas. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembra que dende o BNG xa propuxeran no 2014, daquelas a través da concelleira Paz Abraira, a adaptación das canalizacións de evacuación de augas pluviais de Fontiñas, aproveitando as obras que se estaban a realizar en dita avenida. En relación con isto en maio do 2017 o BNG volvía preguntar se había algún plan para darlle solución, cuestión que dende o goberno municipal nunca se chegou a concretar “estamos a falar de 4 ou 5 puntos da cidade moi concretos nos que se repite sempre esta situación, polo que o que se precisa é unha serie de intervencións moi específicas”.
O concelleiro nacionalista explicaba que a consecuencia de non planificar nada a este respecto, é que se están a dar uns importantes danos materias cada vez que cae na cidade unha tromba destas características, a maiores dos perigos para o tráfico e as persoas en diversos puntos “houbo baixos comerciais, garaxes e incluso vivendas que se viron seriamente afectadas, unha vez máis, polas inundacións, pero aínda así non semella ser suficiente para que o goberno municipal considere que se debe planificar algún tipo de solución” explicaba o voceiro do BNG.
Arroxo sinalou que “nesta fin de semana se volveron revivir problemas que xa se deron en anos anteriores e que son reiterados cada vez que chove de xeito torrencial nesta cidade”. Dende o BNG lembran que xa propuxeran que se estudara a posibilidade dun sistema de aliviadeiros canalizados cara o Rato para salvagardar a avenida de Fontiñas en caso de urxencia en días de trombas como as vividas.
O BNG lembra que cando se pactaron os 5 millóns de remanentes entre o PP e PSOE no 2014, o grupo nacionalista xa propuxera unha partida destinada para evitar as inundacións, partida que fora rexeitada. Ademais dende o BNG cren que a maiores dos anegamentos da rúa e as inundacións de diversos baixos e establecementos comerciais, as inundacións poderían afectar novamente a estabilidade do talude existente do parque dos Paxariños.