A EDIL MAITE FERREIRO DIXO QUE “A LEI DA XUNTA DE GALIZA ACLARA AS COMPETENCIA E, A PARTIR DE AGORA, O CONCELLO TERÁ FERRAMENTAS LEGAIS PARA ACTUAR CONTRA OS INFRACTORES”
O BNG-AA pedirá que o concello comence a resolver as denuncias por ruídos de locais nocturnos
A nova normativa inclúe os incumprimentos de horarios como infraccións graves e esto evitará as interpretacións que ata agora xeraban discrepancias competenciais
Lugo, 14 de febreiro 2017. A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, trasladará ao goberno municipal unha petición para que se axilice a resolución das denuncias por ruídos de locais nocturnos que non cumpren coa normativa vixente. Ferreiro fixo este anunciou despois de que apareces publicada no DOG a LEI 2/2017, de 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación. Esta Lei recolle unha modificación da normativa que se incorpora á Lei de emprendemento. No capitulo no que o texto legal detalla as infraccións graves incorpóranse as de incumprimento de horario e isto permite a actuación sancionadora por parte dos concellos a partir do vindeiro 17 de febreiro que entrará en vigor a nova normativa.
Maite Ferreiro lembrou que o concello de Lugo recibe moitas queixas de veciños e referiuse aos recentes problemas xerados por un local da rúa Castelao, que xa foi pechado, e ás reiteradas queixas veciñais polos locais da rúa Tui e Ramón Cabanillas. A edil do BNG-AA dixo que “a Lei da Xunta de Galiza aclara as competencia e, a partir de agora, o concello terá ferramentas legais para actuar contra os infractores”. Ata o momento existían discrepancias competenciais entre a Xunta e os concellos xa que o incumprimento de horarios podía entenderse como un incumprimento das condicións da licenza e non como unha infracción grave. Co novo texto queda claro que se trata de unha infracción grave e isto permitirá que o concello actúe.
Ferreiro referiuse tamén ao gran número de queixas recibidas por este tema na comisión de queixas e suxestións nos pasados meses e sinalou que “é algo que sigue afectando a moitas persoas e o concello debe de dar solución, agora que conta con ferramentas legais, aos casos que están pendentes de resolver”. O concello viña remitindo as denuncias por incumprimento de horarios á Xunta de Galiza que non actuaba ao non ter competencia sancionadora, como consecuencia ningunha das dúas administracións actuaba e a veciñanza seguía a sufrir o problema.
Ordenanzas pendentes
Neste mesmo senso a edil Maite Ferreiro lembrou que o concello de Lugo ten pendente concluír a redacción e aprobación de varias ordenanzas como a de Contaminación Acústica ou a de Publicidade Exterior. “Son cousas que o PSOE ven arrastrando dende fai moito tempo e o BNG xa reclamou en varias ocasións ao goberno municipal que se puxera a traballar para que o concello conte con normativas que permitan actuar dentro da legalidade cando hai que afrontar procedementos sancionadores” afirmou Maite Ferreiro.